21 dic 2018

Calendario Terra de Montes (Cerdedo)

Un decembro máis, todos os membros da comunidade educativa foron agasallados cun precioso calendario para o 2019. Esta vez, as ilustracións corresponden a Cerdedo. As imaxes recollidas nas súas páxinas estarán aí cada un dos meses do ano para recordarnos a beleza do que nos rodea.

Coma no ano anterior, o breve estudo toponímico foi realizado baixo a coordinación da profesora Clara Iglesias.

25 nov 2018

Racha o silencio!


Non convén esquecelo; nin o 25 de novembro nin o resto do ano. Temos unha pulseira para lembralo e para mostralo:

                                Racha o silencio! , contra a violencia de xénero.


Verso a Verso: Non son fada

Neste 25 de novembro, día internacional contra a violencia de xénero, o alumnado de 2º ESO B tivo a ben agasallarnos con Non son fada, canción da cantante María Xosé Silvar, máis coñecida como SES.


29 oct 2018

"Facer cine en Galicia é posible, facer cine en galego é necesario"

Este é o lema que alumnas e alumnos  de 1º de bacharelato escolleron para o mural que neste mes de outubro realizaron no patio que o Instituto e o colexio Virxe das Dores comparten . Nel, quixeron amosar a fermosura da paisaxe que os rodea e tamén facer unha homenaxe ao inesquecible Chano Piñeiro e á capacidade que o cinema ten de compartir e universalizar calquera realidade. 
Contamos coa colaboración inestimable da pintora, ilustradora e especialista en gravado e estampación, Noemí Núñez, incluída no proxecto DEPO RÚARTE







                                          PREME PARA VER MÁIS IMAXES


25 sept 2018

Día Europeo das Linguas


O 26 de setembro conmemórase o Día Europeo das Linguas, que ten como meta promover a riqueza da diversidade lingüística de Europa. Algúns xornais recolleron esta celebración nas súas páxinas.
Podemos ler máis información premendo
                                                                  AQUÍ
     


25 jun 2018

Teatro... no Chano

O grupo de teatro de 2º de ESO,  dirixido pola profesora Clara Iglesias, representou a obra Pelexa na Souto, do autor Olimpio Arca,  o último día do curso 17-18. Alicia, a profesora de Plástica, colaborou co seu incrible enxeño na fabricación do vestiario.  
Anteriormente, xa actuaran para os alumnos e alumnas de 5º e 6º de Primaria dos colexios de Soutelo, Cerdedo e Forcarei. Tamén o fixeran na Residencia de Maiores de Forcarei.
Foi todo un éxito: a obra gustou a rapaces, mozos e maiores.
Podemos voltar a vela neste vídeo.

https://www.youtube.com/watch?v=LtHJDSz18Xs



22 jun 2018

Concurso de microrrelatos Día da Letras

Celebramos o Día das Letras Galegas cun concurso de microrrelatos. Este ano os premios foron para Diana Rozados, de 2º de ESO, e para David Obelleiro, de 4º. Entregamos os agasallos nos actos de fin de curso. Parabéns para os premiados e grazas a todos por participar!

Aquí está un dos relatos:

                                                                  Silencio
    Fixouse nela, estaba sentada nun banco diante del. Tiña a pel branca coma a neve e un sorriso cálido coma o sol.
    Miradas silenciosas, sorrisos tímidos e conversas que nunca empezan.
   Ela tívose que ir e despediuse cunha última mirada que mantiveron durante uns segundos, que para eles foron eternos, coma se otempo se conxelase.
   El só nese parque, sentía lástima por unha oportunidade perdida. Viu como se ía e colleu valor para ir tras dela. 
   Cando por fin se atoparon non fixeron falta palabras, estaba todo dito xa.
   Dúas almas acariciáronse naquela tarde invernal.
                                                                                                                                    David

8 jun 2018

Polo Rianxo das Letras

O pasado día 6, o noso alumnado estivo en Rianxo, nunha visita guiada, achegándose ao mundo mariñeiro e seguindo os pasos dos autores nados nesa vila: Castelao, Dieste e Manuel Antonio.

PREME PARA VER MAIS INFORMACIÓN

24 may 2018

A lingua galega: unha oportunidade

Este foi o título da charla que Manuel Núñez Singala impartiu o pasado 22 de maio para os alumnos e alumnas de 3º, 4º  e Bacharelato. Con el, puidemos ver como diferentes estudos mostran de que xeito acomodamos o noso comportamento ao dos demais, ao maioritario, sen cuestionarnos se é algo razoable ou non. Convidounos a analizar a escolla lingüística que facemos en cada momento e a non deixarnos levar.

  PREME PARA VER MÁIS IMAXES

28 feb 2018

Para Rosalía



Un ano máis, conmemoramos  o Día de Rosalía. Este ano baixo o  lema  AbrideAfiestra. E así o fixemos: 
Trala xanela que a profesora e alumnado de Plástica deseñaron, pasaron un por un alumnos e alumnas que deron voz aos poetas que dedicaron  composicións a esta escritora. E mentres, Rosalía -interpretada por Leticia Míguez-  escoita, escribe  e pensa. Ao final,  inspirada polo acto, tamén interveu  para lernos un fragmento do prólogo do  libro Follas novas, dirixido  aos lectores da súa obra.

23 feb 2018

Poemas para Rosalía

Moitos escritores e escritoras  dedicaron poemas a Rosalía: Curros Enríquez,  Ramón Cabanillas, Manuel María, Marica Campo, Uxío Novoneyra, María Xosé Queizán...
Algúns destes poemas foron expostos para acompañar a conmemoración.

12 feb 2018

Por Trasalba e Allariz

Estivemos en  Allariz,  na vila en  que viviu Vicente Risco nos seus últimos anos e e na  que máis tarde recibiu o Premio Europeo de Urbanismo pola recuperación da súa arquitectura e a súa historia. Tamén  no pazo familiar de Otero Pedrayo, en Trasalba, onde recordamos a súa obra.
Entre moitas outras cousas,  neste último, vimos a Carta Xeométrica de Galicia, o mapa físico de Domingo Fontán, que foi o primeiro mapa topográfico e trigonométrico feito en calquera dos territorios de España con métodos científicos e medicións matemáticas.


 PODES BUSCAR MÁIS INFORMACIÓN sobre ese mapa :
 https://www.gciencia.com/domingo-fontan/carta-xeometrica-de-fontan/

9 feb 2018

Por fin,vimos o Vindel



O alumnado de 3º e 4º de ESO e o de Bacharelato viaxou a Vigo. Pola mañá, estivemos na vila romana de Toralla e no Museo do Mar. Participamos nun obradoiro sobre a escrita na Idade Media e vimos a exposición O pergamiño Vindel, un tesouro en sete cantigas. Foi emocionante ver o Vindel "na súa casa".
Pola tarde paseamos no bus turístico e visitamos outra exposición, neste caso sobre Leonardo da Vinci.


FAI CLIC E VERÁS MOITA MÁIS INFORMACIÓN

5 feb 2018

Día da Ciencia en Galego. Máis propostas

Podemos consultar os detalles doutros talleres presentados no Día da Ciencia en Galego no Chano nos enlaces quen seguen. 
Agradecemos a todo o profesorado e alumnado colaborador o esforzo realizado para que esta actividade de difusión científica puidese ser realizada.

Recepción de imaxes dos Satélites meteorolóxicos NOAA: https://inforandu.blogspot.com.es/2018/02/dia-da-ciencia-en-galego-recepcion-de.html 

 

Programación dos robots Mbot Ranger:

https://tecnochano.blogspot.com.es/2018/02/demostracion-e-programacion-dos-robots.html 

 

Día da Ciencia en Galego. Litofanías


                             Iluminación da Litofanía de Chano Piñeiro (música Jean Michel Jarre)


Un  dos obradoiros máis novidosos presentados no Día da Ciencia en Galego foi o das Litofanías.


O traballo consistiu en explicar que son as Litofanías e presentar diversas aplicacións realizadas con elas. As actividades foron elaboradas nas clases de Plástica  e no Taller de Tecnoloxía.

                              Iluminación dunha Litofanía de Chano Piñeiro.   
                                                                                                          

     Realización dunha lámpada cunha pantalla de 4 Litofanías coas imaxes das monitoras.

29 ene 2018

Día da Ciencia en Galego

O pasado martes celebramos no IES Chano Piñeiro o noso Dia da Ciencia en Galego.

Ao longo de toda xornada, o alumnado de todos os cursos do IES e tamén o dos cursos superiores do colexio Virxe das Dores foi pasando por cada un dos obradoiros para coñecer as diversas propostas.

Con esta actividade  pretendemos achegar a ciencia ao  alumnado usando a nosa lingua.
Para iso, organizamos unha serie de obradoiros temáticos desenvolvidos e impartidos polo propio alumnado. Eles  foron os encargados de explicar os contidos aos seus compañeiros e compañeiras e tamén ao profesorado. Nesta actividade multidisciplinar participaron  varios  departamentos didácticos aos que, desde aquí, lles queremos agradecer o esforzo realizado. Os obradoiros deste ano foron os seguintes:
  • Medidas de son co Mbot Ranger (Dpto. de Tecnoloxía) 
  • Litofanías (Dpto. de Tecnoloxía)
  • Mapas meteorolóxicos satélites NOAA (Dpto. de Tecnoloxía) 
  • Métodos de realización de gravados  (Dpto. de Plástica)
  • Policubos e cubo Soma (Dpto. de Matemáticas)
  • Voando con drons  (Vicedirección)
  • Aplicacións das Matemáticas e a Xeoloxía: a topografía (Dpto. de Bioloxía e Xeoloxía)
  • Experimentos  con ovos e As viaxes de Darwin (Dpto. de Bioloxía e Xeoloxía) 
  • Extraendo o ADN  (Dpto. de Bioloxía e Xeoloxía)



Aquí podemos ver un resumo da actividade.
Audio do vídeo: "O sol e a treboada" NAO

Aplicacións da topografía

O alumnado de PMAR  desenvolveu nas últimas semanas un traballo de medición do patio escolar seguindo tres procedementos distintos: imaxes satelitais, cinta métrica e medios topográficos. 
No Día da Ciencia  en Galego, celebrado recentemente no Centro, mostraron e explicaron os detalles do instrumental utilizado, os métodos aplicados e os seus resultados. 

Aquí amosamos os carteis, presentados ese día,  que recollen a explicación de todo o proceso.