24 feb. 2017

Verso a Verso: Especial Día de Rosalía

Todo o alumnado  quixo celebrar este 180 aniversario do nacemento de Rosalía participando na gravación de diferentes poemas da autora.  
As alumnas e alumnos do IES  Chano Piñeiro deséxanlles a todos, hoxe e sempre, un FELIZ DÍA DE ROSALÍA!.


Ilustrando a Rosalía

Nas últimas semanas, o alumnado de Plástica ilustrou   poemas de Rosalía de Castro. Os de 1º de ESO  traballaron con "Unha vez tiven un cravo" e os demais con "¿Tas-tis, tas-tis!, na silenciosa noite", para participar no concurso ILUSTRANDO A ROSALÍA. O traballo ganador imprimiuse nunha tarxeta de felicitación, xunto co poema, para distribuír como agasallo a toda a comunidade educativa e na vila de Forcarei. Con este motivo, diferentes grupos de alumnas e alumnos, ao longo da semana, repartiron as felicitacións e recitaron versos da escritora na praza do Concello, na Residencia da 3ª Idade, no colexio Virxe das Dores e na gardería. Tamén interpretaron a Alborada de Rosalía, coa letra do poema que cerra Cantares gallegos, que xa en 1920 fora popularizada polos Gaiteiros de Soutelo.
      Aquí está a ilustración premiada (José Álvarez López, 4º de ESO) e outra  que  recolle o texto.


https://photos.google.com/share/AF1QipO5Te9y2PdkXssp7uy8GsmlK7nq6OnPcBFLZ8XGL3-YHp444kSt9oZGQ9KwN8-fow?key=b2lhV19paWNxYzJVa2cxUkQ1WFdRT0ZjX1lyV2p3 
Preme en  Rosalía para ver outras imaxes

14 feb. 2017

Verso a Verso: Moraima

Co gallo do día dos Namorados, achegámosvos a segunda entrega do proxecto Verso a Verso
Nesta ocasión, o alumnado de 1º B recitanos este canto de amor que Celso Emilio dedicou á súa dona, Moraima


6 feb. 2017

Entrevistamos a Anik Nandi

Despois da charla, Anik Nandi aceptou amablemente ser entrevistado polo alumnado de 1º de Bacharelato. Velaquí unha mostra.

 

5 feb. 2017

Visita de Anik Nandi

Anik Nandi estivo connosco este venres, día 3 de febreiro. Veu para pronunciar unha charla baixo o título O galego é un mundo.  Explicou, entre moitas outras cousas,  que temos máis de  7000 linguas e que o 94% da poboación mundial fala unha lingua que ten menos de 100 000 falantes. Algo que nos chamou a atención é que en Bengala Occidental, o lugar da India onde el naceu,  se falan 91 idiomas e máis de 700 en todo o país, aínda que só 22 son linguas oficiais. Insistiu en que falar galego é o que garante a súa pervivencia.
Anik Nandi é un sociolingüista que chegou a Galicia hai dez anos e que enseguida empezou a aprender galego. Despois fixo un curso de postgrao na USC  e recentemente doutorouse na Universidade Heriot-Watt de Edimburgo cunha tese que analiza a situación sociolingüística da nosa lingua.
Grazas Anik, por compartir algúns dos teus coñecementos e, sobre todo, por traballar pola nosa lingua.

PREME NA IMAXE PARA ACCEDER A MÁIS FOTOGRAFÍAS


Unha das anécdotas da charla foi cando Anik nos recitou un fragmento do poema Galicia de Manuel María en bengalí.

Galicia somos nós,
  a xente e maila fala.
     Se ti buscas a Galicia,
  en tí tes que atopala.

2 feb. 2017

Abre portas co galego!

A partir dunha idea de Manuel Núñez Singala, o EDLG do Chano Piñeiro decidiu crear uns carteis para recordarnos a todos, pais e nais, alumnado, profesores e visitantes do blog en xeral, que o galego non é un idioma tan minoritario. De todas as linguas do mundo só 9 (menos do 0,3% do total) pasan de 100 millóns de falantes. Hai 389 linguas con máis dun millón de usuarios, mentres que a maioría, o 94%,  non chegan aos 100.000 falantes. 
En galego e co galego podemos abrir todas as portas: a chave témola nós.
        Deseño:  Xosé Anxo Fernández, membro do Equipo









Nota: As imaxes para a realización destes cartaces están baixo licenza Creative Commons e foron descargadas da web pixabay.com

Verso a verso: Esperanza

Comezamos con este poema de Celso Emilio Ferreiro pertencente ao seu libro Viaxe ao país dos ananos, unha serie de videopoemas recitados polo alumnado do centro e que iremos colgando durante estes meses.

Baixo o nome de Verso a Verso, con esta actividade pretendemos achegar aos mozos e mozas do Chano Piñeiro as palabras dalgúns dos poetas máis sobranceiros da nosa Terra.

1 feb. 2017

De novo no teatro

Todo o alumnado de 1º  de Bacharelato e o de 3º e 4º de ESO fomos ver, o pasado 26 de xaneiro, unha obra de teatro baseada en diferentes relatos de Cousas. A adaptación do texto de CASTELAO e posta en escena foi levada a cabo polo grupo Os Quinquilláns. 
Vimos como se poden mesturar sobre o escenario sombras, máscaras, títeres con actores ou actrices. Resultou ser unha "lectura"  entretida e imaxinativa.