30 mar. 2015

Visita ao Salón do Libro...


O pasado xoves 27 de marzo, os mozos e mozas do Club de Lectura puxeron rumbo a Pontevedra para facer unha visita ao Salón do Libro Infantil e Xuvenil que, nesta ocasión, estaba dedicado ao mundo da ciencia...ficción!

Tras o espectáculo de Maxia Científica do Mago Richard tocou facer unha visita pola feira onde nos explicaron a relación entre os contos clásicos e a ciencia, dos escritores e científicos que se anticiparon a grandes descubrimentos que tiveron lugar anos despois, do mundo da astronomía... En definitiva, unha mañá diferente rodeados de libros...e ciencia!

28 mar. 2015

Ao redor das matemáticas...en galego!


     Xa vos indicabamos nunha entrada anterior que, coa excusa da celebración do Día Pi, iamos preparar unha serie de actividades no centro en colaboración co departamento de Matemáticas.

     A carón do noso PI xixante, dispuxemos unha exposición de libros relacionados co mundo da matemática e preparamos unha xinkana matemático-literaria para que o alumnado, a partir dunha serie de pistas, chegasen a resolver unha decena de enigmas...


Nos tres paneis do corredor principal, dispuxemos unha exposición de poemas que, dunha maneira ou doutra, estaban relacionados cos números, a xeometría ou calquer outro concepto matemático. Unha boa parte deles... na nosa lingua!


Por último, no comedor que comparten os alumnos do instituto cos nenos e nenas do colexio Nosa Señora das Dores preparamos unhas mesas cunha serie de xogos matemáticos: desde o Tangram, ata o cubo Soma, pasando polas Torres de Hanoi ou os pentominós. Durante as dúas semanas que durou a actividade non faltou un recreo ou un descanso onde as mentes pensantes do Chano Piñeiro non estiveran a darlle voltas aos quebracabezas!




14 mar. 2015

Día PI


Hoxe é 14 de marzo de 2015, unha data que, tal vez, pódenos pasar desapercibida. Pero se lle damos un par de voltas e pensamos dun xeito matemático, decatarémonos que, no formato anglosaxón, hoxe sería o 3/14/15. Tédelo máis claro? Efectivamente, hoxe é o día PI.
E esta é a escusa perfecta para que ao longo  da próxima semana se desenvolvan no instituto unha serie de actividades relacionadas co mundo da matemática nas que a lingua vehicular sexa, como non. o galego.
Seguiremos informando...

10 mar. 2015

Music-Galeguízate: NAO

Seguimos con esta serie desenvolvida polo alumnado de 4º ESO na que facemos un pequeno repaso polo panorama musical na nosa lingua.

Nesta ocasión, Martín Rozados tráenos a un grupo rock con raíces na comarca pois o seu guitarrista, Gus, reside en Forcarei. Falamos dos NAO, unha das bandas que fan música na nosa lingua que máis sona están acadando no noso país.



E estes son dous dos seus temas:


4 mar. 2015

Día de Rosalía (e II)

Velaquí vos traemos o programa especial que os profesionais de Telediver fixeron sobre o acto celebrado o pasado 24 de febreiro co gallo do Día de Rosalía.

2 mar. 2015

Viaxe arredor do noso co PDC

O alumnado de PDC de 3º e 4º da ESO participou en dúas viaxes didácticas a dúas exposicións ben diferentes que nos achegan á nosa cultura desde tempos e perspectivas diferentes. Por unha banda á Cidade da Cultura na que se conmemoraba o 25 aniversario do cinema galego cunha exposición sobre esta actividade tan moderna e presente nas nosa vidas como é a cultura audiovisual na que o noso país ten tamén a súa achega, e especialmente a nosa comarca na que se criou o director que inaugurou esta xeira e que dá nome ao noso centro: Chano Piñeiro.
Alí tivemos ocasión de coñecer o proceso e as vicisitudes que tiveron que levar a cabo quen produciu as primeiras longametraxes na nosa lingua. E tamén a situación actual do cinema galego e tamén da produción para televisión.

No Museo de Pontevedra fixemos, pola contra, unha viaxe cara o noso pasado coa participación en actividades interactivas que nos achegaran ao noso rico patrimonio. Alí estivemos na presenza de Castelao quen a través da súa obra nos fala de onde vimos e quen somos. Castelao, quen percorrera outrora Terra de Montes, deixando pegada na súa obra, preséntanos unha arte propia que senta as bases dunha creatividade popular e xenuína para estar no mundo.