17 dic. 2015

Unha ollada galega sobre Escocia

Mañá finalizaremos este trimestre coa presentación ás 10h40 dunha experiencia emprendedora levada a cabo alén Galicia: a empresa de turismo cultural Viajarporescocia.com
E para ocasión estará connosco un dos seus fundadores, o porriñés Vicente Figueroa que nos explicará como foi creada, que tipo de produtos ofertan, como traballan e se sería un modelo extrapolable a zonas de gran interés cultural e paisaxístico como Terra de Montes.
E velaquí a entrevista que lle fixeron Santi e Alberto:

16 dic. 2015

Ignacio Vilar, connosco

O luns 14 de decembro o Departamento de Lingua e Litertura galego organizou a presentación para o alumnado de 4ESO e de 1ºBACH do filme A esmorga. E para ocasión contouse amais coa presenza do seu director, Ignacio Vilar que nola introduciu e logo mantivo un coloquio co alumnado. Aquí vos deixamos a entrevista que lle fixeron unha alumna e un alumno de 4ESO para o blog do ENDLG.

23 nov. 2015

A Semana da Ciencia no IES Chano Piñeiro

A semana do 4 de novembro tiveron lugar no IES Chano Piñeiro toda unha serie de actividades relacionadas coa Semana da Ciencia e na que colaboraron os departamentos de Matemáticas, Bioloxía, Física e Química, Tecnoloxía e, por suposto, o ENDL do centro. Amais da videoconferencia de Xurxo Mariño que convocou a máis de 6000 alumnas e alumnos de Galicia, tivemos diversos obradoiros científicos nos que o alumnado do centro participou de xeito activo e tamén unha conferencia da profesora da UDC S. Castro sobre motores de hidróxeno.  E para que vos fagades unha idea aquí vos deixamos este vídeo que co que nos agasallou o colega Anxo:


13 oct. 2015

Álvaro Gago, o director de Curricán no IES Chano PIñeiro

Dicía Chano Piñeiro que facer cine en Galicia era posible; e facelo en galego, necesario. O pasado venres 9 de outubro estivo nas aulas do IES Chano Piñeiro de Forcarei co alumnado de 4ESO o director londoner de Vigo Álvaro Gago. Presentoulle ao alumnado a súa curta Curricán e logo conversou con eles sobre cine e sobre facer cine en galego dende Londres. Velaquí a entrevista de María:

22 jun. 2015

E isto é todo: Lingua de Montes Dixital 2015

Ata aquí o curso 2014/2015. Pechamos este capítulo á espera de que chegue o mes de setembro para abrir o seguinte. Como despedida, aquí vos deixamos a versión dixital da revista Lingua de Montes cuxa versión reducida en papel xa tedes todos e todas na casa.

Boas e merecidas vacacións a tod@s!

21 jun. 2015

West Side Story

        Por segundo ano consecutivo, Isabel, a profesora de música revolucionou ao persoal do instituto para organizar un dos seus retos musicais.  Co alumnado de 1º de bacharelato como protagonistas principais, lanzouse á aventura de poñer en escena unha adaptación do musical West Side Story ambientado nesta ocasión nunha suposta rivalidade Cerdedo - Forcarei. Entre actores, actrices e músicos case medio cento de persoas implicadas en maior ou menor grao no proxecto (incluso algúns membros do claustro de profesores se atreveron a pisar o escenario!!). Foron varios meses de traballo que se viron recompensados co aplauso dun público que soupo valorar a dificultade que ten coordinar un proxecto desta magnitude. Parabéns para tod@s!



Así conta esta experiencia Isabel, a profe de música e auténtica alma máter do proxecto:

Máis ou menos a cousa empezou así cando en setembro de 2014 recibín por primeira vez aos alumnos de Bacharelato e lles expliquei o programa, os contidos e as intencións para o novo curso...

EU: “Bueno, xa vístedes que os vosos compañeiros do ano pasado deixaron o listón ben alto”.

ELAS E ELES: “Si, fixérano xenial. Quedoulles todo moi ben.”

EU: “Si, tanto que este ano vai ser difícil superar o reto teatral e musical. E xa sabedes que en bacharelato sodes vós quen tedes a responsabilidade de decidir, realizar e mobilizar”.

LINO: “Eu xa estiven pensando nunha idea... Por que non representamos West Side Story?”

EU: “Eeeehhhh, Lino...  é unha obra de gran  envergadura... poderíamos ‘pensar’ en intentalo”.

A MIÑA CABEZA (ao mesmo tempo): “Pero, pero...!!!  Mecachis...!!! La Virgen...!!! Leonard Bernstein é dificilísimo e escápase das nosas posibilidades...!!!”


Aos poucos días, logo de irlle dando voltas na cabeza a un “por que non?” que non me deixaba ni a sol nin a sombra, decidimos afrontar o reto. O resultado foi que este xoves 18 de xuño representamos a nosa particular visión de West Side Story, localizado e adaptado  a Forcarei, pero na mesma liña temática, na mesma tipoloxía de personaxes e mantendo varias das cancións do musical/película de Leonard Bernstein.

Todo un reto marabilloso que funcionou grazas á xente fantástica que hai no Chano Piñeiro...

Cóntovos, pero creo que non da forma tradicional senón así...  



Elenco de actores e actrices do noso West side Story



18 jun. 2015

Publicidade en galego (III)

Estas son as ideas publicitarias que nos presentan os alumnos de 4º ESO. Nótase que son fanáticos da Teletenda...

X-TRUME (Ángel González)


video

CAFEDOR360 (Pedro Álvarez)


video

ESTI KALVA (Jonathan Rubia)

video

TBS (Martín Rozados)

video





17 jun. 2015

No verán, lemos en galego!

Esta guía de lectura é un traballo colaborativo entre dúas bibliotecas e dous ENDL de dous centros que distan uns 35 Km de distancia pero que están moito máis preto do que semella: o IES Laxeiro  e o  IES Chano Piñeiro  xuntan forzas lectoras e lingüísticas para vos ofrecer unha guía despregabre que convida á lectura no tempo de lecer máis caloroso.

                         LEMOS NO VERÁN. LEMOS EN GALEGO
                                  LEMOS NO VERÁN. LEMOS EN GALEGO
INSTRUCIÓNS PARA O PREGADO
  A boa Literatura galega e as boas traducións permítennos asegurarvos un verán cheo de soños, poesía e ilustración. Para todas as idades e para todos os gustos. Porque a poesía non se le só unha vez ao ano celebrando o Día da poesía, porque a fantasía non ten estacións -pero si sagas- nin a banda deseñada ten un tempo determinado: o verán permítenos ollar o mar, o horizonte, e os soños... cun libro na man. En galego.

16 jun. 2015

Subtitulando clásicos: Boulevard of Broken Dreams

Último traballo do curso desta actividade na que o alumnado subtitulou á nosa lingua cancións míticas do pop rock internacional. Este é o traballo que fixo Jonathan Rubia co Boulevard of Broken Dreams de Green Day.

video

Music-galeguízate: Berrogüetto

David Pérez preséntanos a historia e palmarés dun dos grupos folk máis importantes do noso país nos últimos anos: Berrogüetto.


Estas son as dúas recomendacións musicais que nos fai:


15 jun. 2015

Paseo Fotográfico Matemático por Forcarei

Ben sabemos que Forcarei é unha vila pequena pero o que quizáis moitos non sabían era que agochaba nas súas rúas moitos tesouros matemáticos. Niso consistía precisamente esta actividade; en capturar lugares da nosa vila que fixeran referencia dalgunha maneira á matemática.
E con ese obxectivo saiu o alumnado de 4º ESO cámara en man!

Exposición do Paseo Fotográfico Matemático por Forcarei

Capturaron preto de 700 fotografías entre as que escollemos algo máis de 100 para facer, en colaboración co Dpto. de Matemáticas, unha exposición onde quedou perfectamente representado este paseo turístico-matemático. Había moito excéptico sobre a existencia deste Forcarei matemático, finalmente, quedaron convencido de que na nosa vila hai moita matemática agochada!

Só faltaba poñerlle un título en galego ás fotografías e...traballo feito! Velaquí tedes algunhas das instantáneas que capturamos! Disfrutádeas!



14 jun. 2015

Roteiro Rosalía

O pasado venres 5 de xuño desprazámonos ao Concello de Padrón para seguir as pegadas da nosa escritora máis universal. O alumnado de 3º ESO, 4º ESO e 1º Bacharelato visitou os lugares polos que Rosalía pasou parte da súa vida: a casa onde viviu os seus últimos anos hoxe convertida en Casa Museo, o Pazo de Arretén (lugar onde residían os devanceiros maternos da autora), o cemiterio de Adina, a colexiata de Iria Flavia ou o Pazo da Hermida foron algúns dos lugares nos que os alumnos e alumnas recitaron os versos da autora.



Foi testemuña destes recitados un espectacular traballo realizado polo alumnado de Plástica de 4º ESO e a súa profesora Alicia (grazas a tod@s!) que moi pronto ocupará un lugar distinguido no noso instituto.

8 jun. 2015

De contos con Celso Fdez. Sanmartín

O pasado xoves 4 de xuño o alumnado de 1º e 2º ESO tivo a oportunidade de asistir a unha sesión de contacontos a cargo de Celso Fernández Sanmartín, Celsiño. Tróuxolles historias e contos cotiás, dos que foi recollendo polas vilas e polo rural galego, salpimentados sempre cun toque xusto de improvisación . O seu espectáculo Contos que non falten é iso; contos e memorias ligadas á nosa tradición oral.


Unha actividade enriquecedora e que conseguiu sacar máis dun sorriso dos alí presentes.

5 jun. 2015

Subtitulando clásicos: Smells like teen spirit

Seguimos subtitulando en galego cancións míticas do pop rock internacional. É a quenda de Smells Like Teen Spirit de Nirvana subtitulada por Ángel González.

video


3 jun. 2015

Nós tamén contamos

Sempre é emocionante ver o sorriso dun neno ou dunha nena ou disfrutar da súa inocente mirada de atención cando lles contas algo que lles esperta a súa curiosidade.




Iso foi o que viviron onte pola mañá os mozos e mozas do clube de lectura que visitaron aos nenos e nenas de infantil e de 1º e 2º de primaria do CEIP Nosa Señora das Dores para contarlle e lerlle historias. E abofé que lles gustou a experiencia, a pesares dos nervios típicos da responsabilidade que fixo que algún dos contos fora un chisco apurado...



 En definitiva, un público do máis agradecido que os despediu cun aplauso e cun, quen sabe, ata o curso que vén!


1 jun. 2015

Pedras de Compostela


O pasado 12 de maio o alumnado de 3º ESO fixo unha escapada a Santiago de Compostela para descubrir a cidade desde un punto de vista diferente. Achegáronse ao Santiago medieval, visitando o museo de Catedral e descubrindo a importancia tanto do templo como do Camiño na época medieval; fixeron xogos de orientación polas rúas do casco antigo e incluso subiron ás cubertas da Catedral.
A visita completouse coa visita ao Museo Pedagóxico de Galicia onde descubriron como eran as escolas hai uns cantos anos...



28 may. 2015

Correlingua 2015

O pasado luns 25 de maio o alumnado de 2º, 3º e 4º ESO desprazouse á Estrada para participar no Correlingua; a actividade en prol da nosa lingua que xunta á rapazada dos centros da comarca Deza Tabeirós.


Esta é a crónica dos compañeiros de Telediver.




25 may. 2015

Music-galeguízate: Ataque Escampe

Continuando coa recompilación de grupo da música galega, Pedro Álvarez achéganos nesta ocasión á banda Ataque Escampe.


E estes son un par de exemplos da súa música...



21 may. 2015

Visita de Fina Casalderrey


Dentro das actividades da celebración das Letras Galegas, o pasado martes tivemos a inmensa honra de recibir no noso centro a Fina Casalderrey. A autora de obras de narrativa infantil e xuvenil como Dúas bágoas por Máquina, O misterio dos fillos da lúa ou A Pomba e o Degolado reuniuse na biblioteca co alumnado de 2º e 3º ESO e alí faloulle do seu traballo, de como empezou a escribir ou de onde lle viña a inspiración para desenvolver as súas obras.


Foron preto de dúas horas nas que os mozos e mozas do Chano Piñeiro tiveron a posibilidade de coñecer á persoa que escribiu algún dos seus libros máis recordados da súa infancia. Como nos comentou unha das alumnas que asistiu ao encontro: "levo agardando o día de hoxe desde que tiña oito anos. Fíxome moitísima ilusión". A nós tamén... grazas, Fina!



20 may. 2015

Subtitulando clásicos: Creep

Nova entrega dos traballos de subtitulación que realizaron os alumnos de 4º ESO. David Pérez traduciu a letra da canción Creep de Radiohead:


video

18 may. 2015

Concurso de Microrrelatos: Nin príncipes nin princesas



Desde a Biblioteca e o EDLG botamos a andar o I Concurso de Microrrelatos e Curtametraxes "Nin príncipes nin princesas". O certame, cuxa temática éa igualdade de xénero, vai dirixido a toda a comunidade educativa do Chano Piñeiro e a data límite de entrega dos traballos será o luns 1 de xuño.
Podedes consultar as bases na seguinte ligazón: BASES

17 may. 2015

Letras 2015


Así, presumindo de lingua, saúdan este grupo de mozos e mozas de 2º ESO a chegada do día no que celebramos as nosas letras. O día no que rendemos homenaxe a aqueles autores que fixeron tanto pola nosa lingua e polo noso país. E, por toda esa xente, engalanamos os corredores no instituto coas súas imaxes....




Traballo realizado polo alumnado de 4º ESO

Durante os vindeiros días irémosvos contando outras actividades que temos preparadas co gallo desta celebración!

Por último, aquí vos deixamos este vídeo que nos achegan desde a Coordinadora Galega de ENDL no que nos lembran o importante que é presumir de galego e do galego non só en data sinaladas, senón durante todo o ano...

8 may. 2015

Subtitulando clásicos: The show must go on

Seguimos con esta serie na que o alumnado de 4º ESO dedicouse a subtitular temas clásicos do rock e do pop internacional.
Nesta ocasión Martín Rozados achéganos o seu traballo coa canción de Queen "The Show Must Go On"

video

30 abr. 2015

Tras dos pasos de Castelao e Concepción Arenal

Percorremos as rúas de Pontevedra e Ferrol da man de dúas personalidades que contribuíron a toma de conciencia de si mesmas das mulleres (Concepción Arenal) e dos galegos (Castelao).


         Da man de Castelao partimos do Museo de Pontevedra no que atopamos algúns dos seus cadros senlleiros e seguimos as súas pegadas polos lugares que el andou nos seus anos da capital do Lérez. Mesmo nos achegamos ao que fora aquel proxecto científico e económico que promoveron os galeguistas e amantes da nosa terra chamado Misión Biolóxica de Galicia.
O alumnado de 4º da ESO, 1º e 2º de bacharelato do IES Chano Piñeiro, tiveron ocasión de saber máis da historia das pedras que hoxe sosteñen a nosa mirada e que en tempos escoitaron os grandes proxectos que para mellorar e desenvolver o noso país tiveron os da xeración “Nós” e que mesmo, como no caso de Bóveda, pagaron coa súa vida a fidelidade ás súas ideas.


         O alumnado de 1º e 2º da ESO, dentro do proxecto Donas de si da Consellaría de Educación, visitaron o Ferrol de Concepción Arenal. Ademais de saber da historia desta cidade en feminino en xeral, profundamos especialmente nalgunhas das súas veciñas máis ilustres. Especialmente nos chamou a atención Aurora e a súa filla Hildegard Rodríguez Carballeira.

         Quizais podíamos facer unha conexión entre ambos os dous Rodríguez. Hildegard e Alfonso Daniel. Unha foi un proxecto de liberación da muller que se trasladou a Madrid para atopar máis eco nas elites do Estado, tentando desde o centro e desde arriba mudar o mundo. Outro, Castelao, ficou na Terra, para desde este recuncho transformar as cousas. Ambos os dous atoparon coa inxustiza e a incomprensión dos privilexiados e poderosos cos que -aínda que desde camiños distintos- acabaron topando.
        E as cidades, Pontevedra e Ferrol, reflicten tamén ambas as dúas dimensións destes Rodríguez. A primeira, a máis antiga grande cidade galega, coas características propias do país (axeitadas as abundantes choivas e do granito que tanto abunda), a outra, creada por decreto a partir da nada, cuadriculada e racionalista a imaxe e semellanza do Estado que a fundou. Quizais ambos espazos tiveron inflenza na personalidade dos escritores que fomos coñecer no seu ambiente. Castelao dicía que os galegos adentramos na nosa paisaxe e a nosa paisaxe adentra e nós. Non é raro atopar trazos do diferente contexto urbano na obra de Castelao e na de Hildegard. Os rapaces de Forcarei quizais logo de visitar estes lugares comprendan mellor o seu pensamento.


29 abr. 2015

Teatro: O enfermo imaxinario

O pasado martes 21 de abril alumnado e profesorado do IES desprazouse a Cercedo para asistir á representación da adaptación que o grupo de teatro desta vila fixo da obra "O enfermo imaxinario.


E non vos era un grupo de teatro calquera: Lino, Lucía, Brais, Sara, Iago, Tania, Eider e Uxía. Todos eles alumn@s e ex-alumn@s do instituto que, baixo a dirección de Xosé Lueiro, fixéronnos pasar unha horiña do máis abradable. 
Parabéns para tod@s el@s!

 


28 abr. 2015

Subtitulando clásicos: In the Shadows

Este curso contamos coa colaboración dun grupiño de alumnos aos que lles pedimos que subtitularan na nosa lingua algunha das cancións máis coñecidas (e recoñecibles) da música rock internacional dos últimos anos. Bastaron unhas breves explicacións para que se puxeran man á obra!

Este é o traballo de Pedro Manuel Álvarez subtitulando a canción In the Shadows de The Rasmus

video

26 abr. 2015

Music-galeguízate: Fuxan os Ventos

Tras as dúas entregas anteriores de música rock en galego, remontámonos 40 anos atrás para lembrarnos dun dos grupos folk máis sobranceiros da nosa música: Fuxan os Ventos. Este é o traballo que fixo Jonathan Rubia sobre esta formación...



E estas as súas recomendacións musicais...

 

23 abr. 2015

Aldaolado: Moita poesía, pouca diversión

"Profe, se trouxerades sempre cousas destas, ben seguro que iamos estar sempre atentos"

Que mellor que estas palabras dunha alumna de de 4º ESO para decatarse do moito que disfrutaron esta mañá os mozos e mozas de 3ºESO, 4º ESO e 1º Bacharelato coa visita de María Lado e Lucía Aldao (Aldaolado) que viñeron a presentarnos o seu espectáculo poético-musical Moita poesía, pouca diversión. E houbo moita poesía, si, pero coa súa simpatía e bo facer conseguiron reverter o propio título do espectáculo e lograr que o sorriso non se borrase das faces da rapazada do Chano Piñeiro.

Deixámosvos aquí un dos momentazos do recitado, no que María recita o poema (?) que, entre todos, fomos quen de crear. Están feitos uns poetas estes de Forcarei!

video

.

21 abr. 2015

Music-Galeguízate: MACHINA

Outra entrega desta serie que repasa os aritstas do noso país que fan música na nosa lingua. Neste caso, Pedro Álvarez achéganos o seu traballo sobre o grupo cercedense MACHINA:


E estas son a súas recomendacións musicais...



30 mar. 2015

Visita ao Salón do Libro...


O pasado xoves 27 de marzo, os mozos e mozas do Club de Lectura puxeron rumbo a Pontevedra para facer unha visita ao Salón do Libro Infantil e Xuvenil que, nesta ocasión, estaba dedicado ao mundo da ciencia...ficción!

Tras o espectáculo de Maxia Científica do Mago Richard tocou facer unha visita pola feira onde nos explicaron a relación entre os contos clásicos e a ciencia, dos escritores e científicos que se anticiparon a grandes descubrimentos que tiveron lugar anos despois, do mundo da astronomía... En definitiva, unha mañá diferente rodeados de libros...e ciencia!

28 mar. 2015

Ao redor das matemáticas...en galego!


     Xa vos indicabamos nunha entrada anterior que, coa excusa da celebración do Día Pi, iamos preparar unha serie de actividades no centro en colaboración co departamento de Matemáticas.

     A carón do noso PI xixante, dispuxemos unha exposición de libros relacionados co mundo da matemática e preparamos unha xinkana matemático-literaria para que o alumnado, a partir dunha serie de pistas, chegasen a resolver unha decena de enigmas...


Nos tres paneis do corredor principal, dispuxemos unha exposición de poemas que, dunha maneira ou doutra, estaban relacionados cos números, a xeometría ou calquer outro concepto matemático. Unha boa parte deles... na nosa lingua!


Por último, no comedor que comparten os alumnos do instituto cos nenos e nenas do colexio Nosa Señora das Dores preparamos unhas mesas cunha serie de xogos matemáticos: desde o Tangram, ata o cubo Soma, pasando polas Torres de Hanoi ou os pentominós. Durante as dúas semanas que durou a actividade non faltou un recreo ou un descanso onde as mentes pensantes do Chano Piñeiro non estiveran a darlle voltas aos quebracabezas!




14 mar. 2015

Día PI


Hoxe é 14 de marzo de 2015, unha data que, tal vez, pódenos pasar desapercibida. Pero se lle damos un par de voltas e pensamos dun xeito matemático, decatarémonos que, no formato anglosaxón, hoxe sería o 3/14/15. Tédelo máis claro? Efectivamente, hoxe é o día PI.
E esta é a escusa perfecta para que ao longo  da próxima semana se desenvolvan no instituto unha serie de actividades relacionadas co mundo da matemática nas que a lingua vehicular sexa, como non. o galego.
Seguiremos informando...

10 mar. 2015

Music-Galeguízate: NAO

Seguimos con esta serie desenvolvida polo alumnado de 4º ESO na que facemos un pequeno repaso polo panorama musical na nosa lingua.

Nesta ocasión, Martín Rozados tráenos a un grupo rock con raíces na comarca pois o seu guitarrista, Gus, reside en Forcarei. Falamos dos NAO, unha das bandas que fan música na nosa lingua que máis sona están acadando no noso país.



E estes son dous dos seus temas:


4 mar. 2015

Día de Rosalía (e II)

Velaquí vos traemos o programa especial que os profesionais de Telediver fixeron sobre o acto celebrado o pasado 24 de febreiro co gallo do Día de Rosalía.

2 mar. 2015

Viaxe arredor do noso co PDC

O alumnado de PDC de 3º e 4º da ESO participou en dúas viaxes didácticas a dúas exposicións ben diferentes que nos achegan á nosa cultura desde tempos e perspectivas diferentes. Por unha banda á Cidade da Cultura na que se conmemoraba o 25 aniversario do cinema galego cunha exposición sobre esta actividade tan moderna e presente nas nosa vidas como é a cultura audiovisual na que o noso país ten tamén a súa achega, e especialmente a nosa comarca na que se criou o director que inaugurou esta xeira e que dá nome ao noso centro: Chano Piñeiro.
Alí tivemos ocasión de coñecer o proceso e as vicisitudes que tiveron que levar a cabo quen produciu as primeiras longametraxes na nosa lingua. E tamén a situación actual do cinema galego e tamén da produción para televisión.

No Museo de Pontevedra fixemos, pola contra, unha viaxe cara o noso pasado coa participación en actividades interactivas que nos achegaran ao noso rico patrimonio. Alí estivemos na presenza de Castelao quen a través da súa obra nos fala de onde vimos e quen somos. Castelao, quen percorrera outrora Terra de Montes, deixando pegada na súa obra, preséntanos unha arte propia que senta as bases dunha creatividade popular e xenuína para estar no mundo.


24 feb. 2015

Día de Rosalía (I)


Un ano máis, chegado tal día coma hoxe, lembrámonos do nacemento de Rosalía de Castro cun acto homenaxe co que queremos poñer en valor a súa figura, a súa literatura e todo o que significa para as nosa letras.

Así, no noso particular Día de Rosalía, celebramos un certame de recitado de poemas da autora no que o alumnado de 3º ESO, 4º ESO e Bacharelato puxeron en escena algunha das obras de Rosalía. Non quremos deixar pasar a oportunidade de agradecerlle ao alumnado a súa participación pero, como non poden gañar todos, os premiados foron Fátima Álvarez de 1º Bac na categoría individual e Iago Gamallo e Iván Soto de 3º ESO na categoría de grupos.
Fátima (1º BAC) en plena actuación
Iván e Iago recollendo o seu premio
    Nos vindeiros días, mostrarémosvos a gravación do acto pero, a modo de adianto, traémosvos o poema colectivoque escollemos para esta ocasión e no que máis de trinta alumnos e alumnas aportan o seu gran de area: Estranxeira na súa patria.

6 feb. 2015

Ollos de Aula nº 19

Un novo número da revista dirixida ás familias editada pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística.

2 feb. 2015

Día da Paz 2015


O pasado venres 30 celebramos o Día da Paz. Unha actividade dirixida desde a biblioteca na que todo o alumnado e profesorado do centro participou, a modo de exemplo de actividade colaborativa, na mudanza de todos os libros da Biblioteca cara a o espazo que será a súa nova ubicación. Así, dispuxéronse preto de 150 cadeiras ao longo dos corredores cubrindo a distancia entre as dúas aulas de xeito que, un a un, os libros dos primeiros andeis foron atopando acougo no seu novo fogar.




Previamente, o alumnado de 1º e 2º ESO leron unha serie de manifestos pola Paz e interpretaron a canción Les enfants de la Terre que, previamente, fora subtitulada ao galego polos mozos e mozas de 2º ESO nas súas clases de francés. Unha solta de globos no medio da treboada púxolle o broche de ouro á xornada.

video