25 nov. 2014

Día Internacional contra Violencia de Xénero

Hoxe 25 de novembro é o Día Internacional contra a Violencia de Xénero e da man da Biblioteca do IES quixemos sumarnos á loita contra  esta lacra da sociedade actual.

Así, a carón dunha exposición na que, a través de letras de cancións, propoñemos unha reflexión sobre diferentes aspectos relacionados co maltrato (podedes acceder a ela premendo na imaxe), aparecen estes carteis elaborados polo alumnado de Informática de 4º ESO:


Por último, deixámosvos este vídeo creado polos amigos de Trafegando Ronseis no que se advirte sobre unha nova forma de maltrato a través das novas tecnoloxías e que está a afectar cada vez máis ás adolescentes e xente nova.


18 nov. 2014

De excursión científica...

O pasado xoves 13 de novembro o alumnado de 4º ESO e 1º Bacharelato desprazouse a Santiago de Compostela para  facer unha dobre visita. Por unha banda, acudiron ao Museo de Historia Natural onde, entre sala e sala, mergulláronse nas ciencias naturais disfrutando da biodiversidade terrestre e mariña e da xeodiversidade.  Posteriormente, achegámonos á Galería Sargadelos para visitar a exposición Arte e Ciencia organizada por Igaciencia e na que lles explicaron a íntima relación existente ao longo dos séculos entre a arte e a matemática. Desde Juan Gris ata Picasso pasando por Escher, Vasarely ou pola arte matemática do século XXI baseada na impresión 3D.



En definitiva, unha saída didáctica do máis atractiva e que serviu de complemento ao vivido durante o Día da Ciencia en Galego!

12 nov. 2014

Día da Ciencia en Galego (e III)

Aínda que queda algunha sorpresa máis por mostrarvos sobre o que fixemos co gallo da celebración do Día da Ciencia en Galego (permanecede atentos nos vindeiros días...), velaquí tedes o vídeo resumo da actividade.  Disfrutádeo!




A música, un ano máis, corre a cargo dos amigos de NAO co seu tema Cartas no caderno. Desde aquí queremos agradecerlle a súa colaboración prestándonos os seus acordes!

5 nov. 2014

Día da Ciencia en Galego (II)

Resulta moi gratificante comprobar como ano tras ano o noso Día da Ciencia afiánzase e vai collendo, se cabe, mellor cor. Cambiamos a ubicación da actividade ao salón de actos e resultou todo un acerto. Convidamos aos nenos e nenas do CEIP Nosa Señora das Dores a que se pasaran por alí e, só con verlles a cara de entusiasmo, interese e agradecemento, pagou a pena. Houbo novidades, si, pero sempre coa mesma esencia: achegar a ciencia ao noso alumnado e, como non, reivindicar o dereito a usar a nosa lingua no ámbito científico.

DÍA DA CIENCIA EN GALEGO 2014
Desde o dpto. de Bioloxía ensináronnos como facer desaparecer o plástico, faláronnos do pH e do efecto da chuvia áceda nas rochas carbonatadas e achegáronnos ao Proxecto Ríos; o dpto. de Música preparounos un concerto cos copas de cristal despois de explicarnos a relación entre as ondas e a música; o dpto. de Matemáticas descubriunos a maxia da banda de Moëbius, desde o dpto de Tecnoloxía puxeron a proba os nosos reflexos e mediron o noso tempo de rección ante estímulos sonoros e visuais cun sensor de infravermellos e, por último, o dpto. de Lengua Española falounos da presenza de Isaac Newton na literatura.

VISITA DOS NEN@S DO COLE
Nos vindeiros dias iremos publicando distintas cousas relacionadas con este día pero, polo de agora, deixámosvos algunha das imaxes da xornada.






Só nos queda darlle as grazas a todo o profesorado e alumnado que participou e se implicou na actividade. Para o ENDL é un orgullo contar coa vosa colaboración! 

2 nov. 2014

Día da Ciencia en Galego 2014 (I)


Como temos por costume nos últimos anos, unímonos a esta convocatoria de IGACIENCIA. O vindeiro martes 4 de novembro, o EDLG será o encargado de coordinar esta actividade na que pretendemos achegar a ciencia ao noso alumnado usando a nosa lingua. 

O formato será o habitual destes anos (2011, 2012, 2013): unha serie de obradoiros temáticos desenvolvidos e impartidos polo propio alumnado que serán os encargados de explicar os contidos aos seus compañeiros e compañeiras. Como actividade multidisciplinar que é, son varios os departamentos didácticos implicados e aos que, desde aquí, queremos agradecer a súa colaboración. Os obradoiros deste ano serán:

  • Sensores e tempo de reacción (Dpto. de Tecnoloxía) 
  • Ondas estacionarias na música (Dpto. Música)
  • Isaac Nexton na literatura (Dpto. Lingua Española)
  • A maxia da banda de Moëbius (Dpto. de Matemáticas)
  • Química e bioloxía  (Dpto. Bioloxía) 

Por outra banda, elaboramos dous carteis homenaxeando á figura dos dous persoeiros aos que se lle rinde tributo este ano: o físico Isaac Newton e o matemático de Bermés, Xosé Rodríguez. Estes carteis serán colocados a carón dos dos diferentes científicos aos que se lle dedicou esta cita nos últimos anos e que, pouco a pouco, van formando o noso corredor da Ciencia. Estes carteis fixéronse en colaboración co ENDL do IES Pintor Colmeiro de Silleda.