30 may. 2014

Nicoleta en Proxecto Neo

Recibimos hai unhas semanas con certa sorpresa a chamada de Bernardo Penabade, un dos integrantes do grupo que leva adiante Proxecto NEO.
Preme na imaxe
Proxecto NEO é o programa radiofónico que resulta da colaboración entre a Área de Innovación Educativa do IES Perdouro de Burela e a emisora local desa localidade, Radio Burela. O programa ten como protagonistas aos neofalantes e quixeron contar coa presenza no seu programa de Nicoleta Rasuceanu, a nosa alumna de 1º de Bacharelato de orixe romanesa que foi a primeira protagonista de Desde o mundo a Forcarei, a serie de vídeos nos que o alumnado inmigrante ou emigrante retornado do noso centro fala da súa experiencia coa nosa lingua.

E así foi! A partir do minuto 19: 10 tedes a entrevista! 
PREME PARA ESCOITAR O AUDIO

29 may. 2014

Alén das fronteiras: O galego no Bierzo

Onte recibimos a visita no noso centro do profesor de Lingua e Literatura Galega Xosé Álvarez que lles impartiu ao alumnado de 41 ESO e 1º de Bacharelato unha charla sobre o galego na comarca do Bierzo. Xosé fora un dos precursores na implantación no programa de conservación da nosa lingua na rexión berciana e explicoulles aos mozos e mozas de Forcarei todas as dificultades e trabas que se foron atopando no camiño durante este proceso. Foron seis anos os que el estivo alí de profesor nos que, segundo as súas propias palabras, conseguiuse que os mozos e mozas que aprendían e falaban o galego se sentiran orgullosos de facelo.


Como un dos exemplos do que vos citaba anteriormente, deixovos este vídeo que Xosé nos ensinou e no que dúas rapazas do Bierzo, Alba e Henar, falan da súa historia co galego.

28 may. 2014

Os fillos do rei

Onte pola tarde tivemos teatro. Pero non foi unha representación calquera, para nada. Non faltaron os nervios, nin (pequenas) confusións, nin, por suposto, os aplausos do público. E que público!


Que como foi a cousa? Pois resulta que os mozos e mozas do Club de Lectura do IES representaron a obra "Os fillos do rei" para os nenos e nenas máis pequerrechos do CEIP Nosa Señora das Dores co que compartimos instalacións. E non só lle deron ao teatro, senón que os agasallaron cunha marabillosa coroa e compartiron uns minutiños sentados con eles entre contos, trouladas e sorrisos agradecidos.

E avisamos: a cousa non se vai quedar aí, xa que moi prontiño algúns rapaces do noso instituto irán de contada por algunha das aulas do colexio. Pero todo chegará no seu debido momento, permanecede atentos!

26 may. 2014

Desde o mundo a Forcarei: Mailín

Terceira entrega desta serie no que o alumnado do IES procedente doutros países nos fala sobre a súa experiencia coa nosa lingua. Neste caso, falamos con Mailín, alumna de 1º ESO que chegou a Galicia desde a súa Colombia natal.

22 may. 2014

Entre esopías e fotografía matemática

Un ano máis, o Equipo de Normalización organiza e colabora no desenvolvemento de dous concursos que, dunha maneira outra, teñen que ver coa matemática.

2º Concurso de Esopías: Tras o éxito do curso pasado, volvemos a lanzar de novo esta proposta na que teredes que construír microrelatos, poemas, comentarios...adaptando as palabras ao número de letras das sucesivas cifras do número Pi.  BASES

3º Concurso de Fotografía Matemática: Fai unha foto na que apareza reflectido algún concepto ou contido matemático; pensa un título orixinal EN GALEGO para esa imaxe e xa podes participar!  BASES

Cartel do 3º Concurso de Fotografía Matemática


O prazo de entrega dámbolos dous concursos remata 
o vindeiro 4 de xuño. 
ANÍMATE A PARTICIPAR!

20 may. 2014

Entre as pedras de Compostela

O pasado mércores 14 de maio o alumnado de 3º ESO desprazouse a Santiago para desenvolver a actividade "Entre as pedras de Compostela", unha visita didáctica á capital de Galicia na que a través de xogos de orientación e pesquisas os mozos e mozas descubriron moitos dos segredos da Cidade Histórica. Esta actividade fíxose en colaboración do Dpto. de CCSS.
Aquí vos deixamos algunha das xoias que descubriu o obxectivo da nosa fotógrafo particular, Tamara, alumna de 3º PDC.



17 may. 2014

Día das Letras no Chano Piñeiro

Onte, como anticipo da celebración hoxe do Día das Letras Galegas, fixemos un pequeno acto no instituto honrar a figura do homenaxeado deste ano, o poeta Xosé María Díaz Castro.


Recibimos a visita de David Otero, mestre de lingua galega do IES Nº 1 da Estrada, que nos falou do autor, das súas orixes, da súa obra, da súa forma de escribir... Pero tamén nos falou de palabras, desas pás que serven para labrar e que nos dan o poder de expresar todo o que a nosa mente sexa que de pensar ou imaxinar. E, como non, falou de lingua, da nosa lingua, e convidounos a sentírmonos orgullosos de tela, de falala, de compartila e de fornecela; porque, como ben lles dixo aos nosos alumnos e alumnas, eles son o futuro e os encargados de loitar por ela.



A charla desenvolveuse en dúas quendas e entre unha e outra asistimos ao recitado dalgún dos poemas de Xosé María Díaz Castro, rematando cunha escenificación do coñecido Penélope, na que a nosa tecelá particular elaboraba, entre verso e verso, a bandeira do noso país.

Velaquí vos deixamos as imaxes do acto.

15 may. 2014

Letras 2014: Todo sobre Xosé María Díaz Castro


Por quinto ano consecutivo a Coordinadora Galega de ENDL achéganos un completísimo portal con recursos, actividades e noticias sobre a figura homenaxeada no Día das Letras. Lembremos que xa o fixo así nos anos 2010 ( Uxío Novoneyra) , 2011 (Lois Pereiro) , 2012 (Valentín Paz Andrade) e 2013 (Roberto Vidal Bolaño).
A estrutura do portal segue as mesmas directices que a de edicións pasadas: desde a páxina principal do portal podemos acceder a distintos recursos ordenados coas etiquetas: Materiais didácticosPara saber máisBibliografía,LigazónsAudiovisualActividades dos centros,Arredor de Díaz Castro. Todo este material, xunto coa peneira de materiais feita  Botóns, son os mellores puntos de achegamento a Díaz Castro.

(Vía Carta Xeométrica)

E como mostra deste material, deixámosvos nun ano máis, o Telexornal adicado ao autor do CPI dos Dices de Rois:


14 may. 2014

Correlingua 2014



Como xa anunciamos hai uns días, o pasado luns 12 de maio, a rapazada da ESO do noso instituto acudiu á Estrada para participar, un ano máis, no Correlingua. Unha xornada primaveral na que centenares de nenos e nenas, mozos e mozas, manifestaron o seu interese pola defensa da nosa lingua e da nosa cultura, enchendo de cor as rúas da vila. Botamos en falta, un ano máis, algunha actividade complementaria na que a rapazada puidese participar activamente pero, ao fin de contas, o importante é estar onde se debe estar.
Ata o ano que vén!

12 may. 2014

Desde o mundo a Forcarei: Valentina

Segunda entrega desta serie que comezamos con Nicoleta e que continuamos con Valentina, alumna de 3º ESO de orixe venezolano e que leva cinco anos en Galicia; tempo suficiente para comunicarse na nosa lingua e reflexionar sobre ela.



11 may. 2014

Preparando o Correlingua

Un ano máis, mañá luns día 12 todo o alumnado da ESO achegarase á Estrada para formar parte do Correlingua 2014.
Baixo o lema de Galego, o paso adiante, centenares de xóvenes galegos unirán as súas forzas en prol da defensa da nosa lingua e disfrutarán dunha xornada festiva que virá acompañada pola música do grupo Quempallou.

Deixámosvos oa manifesto que alí se lerá, elaborado polo alumnado de 3º ESO do IES Isaac Días Pardo de Sada.
Vémonos no Correlingua!

GALEGO, O PASO ADIANTE
E nunca máis un paso atrás, NUNCA MÁIS!!!!
Trazamos un camiño
que arranca esta mañá co Cola-Cao e os cereais.
Bos días en galego, por que non?
Espreguízome con Doraemon, que saca do seu peto máxico o Xabarín Club.
Baixo os chanzos da escaleira, saio da casa co pé dereito, coa mochila e co noso galego.
E xa estou no mundo, no meu  mundo, no teu mundo galego!!
GALEGO,  O PASO ADIANTE
Miraremos atrás só para disfrutar do moito que avanzamos.
Os meus amigos espéranme na rúa,
- EH! Viches que cambiei o meu perfil?
Si, eu dei o paso adiante co galego.
A que esperas ti?
- Quen nos ía dicir que estaría ben  whassapear en galego!. Non si?
- Abofé que si.
GALEGO, O PASO ADIANTE
- Pincha hoxe mesmo no “hashtags”do teu Twitter: #GALEGO
e verás cantos estamos conectados no mundo.
GALEGO, O PASO ADIANTE
Esta nosa Penélope que  tece e tece no galego
e NUNCA DESTECE.
Paso a paso construímos un mundo novo, o noso mundo, o noso mundo futuro, co noso idioma galego. Somos NÓS os que decidimos onde empregalo,  alí onde vaiamos: no instituto, na vila ou  na cidade, tanto ten: virá con NÓS.
GALEGO, O PASO ADIANTE
Este fío invisible e forte que é a lingua vén ao noso carón alá onde vaiamos; ensinémoslla ao mundo en twiter, en facebook...
poñamos o xermolo en cada faro,en cada deserto,en cada estrada,en cada boca que desperta ao mundo.
GALEGO, O PASO ADIANTE
o paso que damos nós cara ao futuro,
nós, si
nós decidimos  empregar a nosa lingua.
GALEGO, O PASO ADIANTE
Nos camiños do mundo enteiro, haberá un corazón galego que latexará co noso acento: sen pudor, sen vergoña , sen prexuízos que abafen a nosa valentía e a nosa responsabilidade de representar a Galicia.
Porque nos une, porque nos fai máis fortes e porque nos identifica na “tea dos teus soños”  DÍAZ CASTRO. 

6 may. 2014

Bicos con lingua

Onte, 5 de maio, o alumnado de 3º e 4º ESO asistiu á representación de Bicos con lingua da compañía Talía Teatro. A obra, dirixida por Avelino González e protagonizada por Artur Trillo e Toño Casais profundiza, en tono de comedia, na situación sociolingüística de Galicia a partir de situacións da vida cotiá.



5 may. 2014

Music-galeguízate: Lamatumbá

Desta volta, Roberto Cerviño e María del Mar Duvale de 4º ESO achégannos a música do grupo ourensá Lamatumbá e os seus ritmos pegañentos ideais para mover o esquelete!


Velaquí vos deixamos un par de temas...




 ...e o video-clip creado por Mar do coñecido e festeiro tema Licor Café: