25 abr. 2014

Desde o mundo a Forcarei: Nicoleta

Baixo o título de Desde o mundo a Forcarei irémosvos mostrando unha serie de vídeos nos que o alumnado do IES Chano Piñeiro que veu doutros países fálannos sobre a súa experiencia persoal coa nosa lingua e reflexionan, en voz alta e desde o seu punto de vista, sobre como ven a situación actual do galego tanto na súa contorna como na sociedade en xeral. 

Comenzamos esta serie con Nicoleta Rasuceanu, alumna de 1º de Bacharelato que chegou hai oito anos da súa Romanía natal ata Soutelo de Montes.

24 abr. 2014

As orixes do noso baile tradicional

Seguindo a liña marcada coa visita de Suso Vaamonde, achegámonos outra vez ás nosas tradicións pero,
desta volta, centrándonos no baile e na riqueza do noso folclore.


Esta mañá recibimos a visita de Henrique Vázquez, membro da Agrupación Folclórica Tequexetéldere da Estrada, que lles explicou ao alumnado de 3º, 4ª ESO e 1º de bacharelato de todo o que rodea o baile tradicional galego centrándose especialmente na forma na que se fan as recollidas das distintas pezas musicais que eles reinterpretan nos seus espectáculos. E que mellor exemplo destas reinterpretacións que as que nos fixeron in situ tres pandereteiras do grupo a partir dos arquivos de audio orixinais das recollidas.





En definitiva, unha nova oportunidade que tiveron os nosos alumnos e alumnas de achegarse ás nosas tradicións.

23 abr. 2014

Día do libro

Desde hoxe e durante uns días a Biblioteca organizou unha exposición do gallo da celebración do Día do Libro na que, a través de paneis informativos, se explica a historia do libro. Dita exposoción vai acompañada por unha mostra dos distintos tipos de escrituras desenvolvidas ao longo da historia: desde a pedra ata a pluma pasando polo papiro. Para completar este traballo, podemos ler distintas recomendacións literarias feitas polos propios alumnos e alumnas.


A Biblioteca tamén quixo agasallarnos con libros e distribuinos aleatoriamente polo centro para que aquel que o quixera o levara para a casa. Por sorte, non chegamos a tempo para facerlle fotos a estes agasallos en forma de libro!