30 mar 2014

Viaxe á porta do alén da man do escritor Carlos Solla

A montaña máxica do Monte Seixo

           O venres 28 de marzo, o alumnado de 4º da ESO e 3º PDC  percorremos da man do escritor Carlos Solla o chan sacro do cumio do Monte Seixo, un entorno máxico que durante séculos sedimentaron lendas populares a partir da orografía emocional e material do terreo, erguendo interpretacións do que alí acontecía, do que as pedras contaban e do que un podía albiscar alén do común grazas a situación elevada no que se atopa. Elevados no físico e no metafísico. Deixando pegada na conversa da comunidade que o circunda, e tamén reflexo na literatura máis universal a través de referencias nas Cantigas de Santa María de Afonso X o Sabio ou no veciño desta contorna Frei Martín Sarmiento.

         Carlos Solla fixo un traballo de recollida e investigación que nos permite hoxe mirar con outros ollos o que a simple vista puidera parecer unha poza ou un penedo. Coñecer o significado que tivo para quen habitou e visitou este espazo antes que nós, mais tamén desenterrar -cando menos coa mente- as persoas que viñeron dar cos seus ósos nesta necrópole co fin de ser lembrados e vivir eternamente no recordo da xente.

Un entorno natural -hoxe un parque eólico industrial- que a pesares da intervención agresiva e deshumanizada presente non puido borrar o rastro dun punto estratéxico na mirada secular dun pobo que usou de referencia para os seus ritos de sociabilidade e transcendencia que máis que supoñer un consolo particular para quen o practicaba, representou durante milenios o respecto a natureza para legado das xeracións futuras, un respecto que semella temos perdido e que quizais viaxes coma esta, coa compaña de guieiros tan sabios, nos axude a recuperar nas xeracións futuras.


29 mar 2014

Music-galeguízate: Ruxe-Ruxe

Cólanse hoxe pola ventá de Music-Galeguízate o grupo compostelán de rock  Ruxe-Ruxe da man de Gabriel Otero e Carlos Penelas de 4º ESO. Disfrutádeos!




28 mar 2014

Como cho digo!

Tras a exitosa campaña Gústame o galego, a Coordinadora de Trababallores/as de Normalización da Lingua (CTNL) vén de presentar estes días Como cho digo!.

Trátase dunha campaña para a visibilización da nosa lingua nos medios de comunicación. Calquera persoa ou entidade pode sumarse á iniciativa e recibirá unha declaración personalizada que poderá entregar aos medios no caso de participar nalgún evento que teña certa repercusión.


Máis información

13 mar 2014

Día de Rosalía (e III)

Para rematar co acto-homenaxe a Rosalía, aquí achegamos o recitado de poemas que daba resposta ás palabras da escritora na entrevista que lle fixeron os profesionais de Telediver.

10 mar 2014

Día de Rosalía (II) Silencio!

Por problemas técnicos non puidemos publicar antes as demais actividades desenvolvidas co gallo do Día de Rosalía pero, como máis vale tarde ca nunca, empezamos pola representación feita polo alumnado de 3º ESO e 1º Bacharelato da materia de Música que escenificaron a adaptación do poema Silencio de Follas Novas. Dita adaptación foi realizada pola súa profe Isabel García.


E permanecede atentos porque haberá máis sorpresas antes de rematar o curso!

7 mar 2014

Music-galeguízate: Zënzar

Desta volta, Jonathan Rubia e Gabriel Pazos de 4º ESO achégannos a música da banda de rock Zënzar.


E velaquí un par dos seus temas: