24 feb. 2014

Dia de Rosalía (I)

Esta mañá vivimos a nosa particular homenaxe a Rosalía. Un acto no que participaron, dunha forma directa ou indirecta, máis de 80 mozos e mozas e que serviu para achegarnos un pouco máis á figura máis importante das nosas letras.

Comezamos o acto cunha marabillosa dramatización musicada do poema Silencio que representaron un grupo de alumnos guiados pola súa profe de música Isabel.

A man nerviosa e palpitante o seo,

as niebras nos meus ollos condensadas,
con un mundo de dudas nos sentidos
i un mundo de tormentos nas entrañas,
sentindo cómo loitan
en sin igual batalla
inmortales deseios que atormentan
e rencores que matan,
mollo na propia sangre a dura pruma
rompendo a vena hinchada,
i escribo..., escribo..., ¿para qué? ¡Volvede
ó máis fondo da ialma,
tempestosas imaxes!
¡Ide a morar cas mortas relembranzas!
¡Que a man tembrosa no papel só escriba
palabras, e palabras, e palabras!
Da idea a forma inmaculada e pura
¿dónde quedóu velada?


A continuación, chegou o momento da entrevista que lle fixemos a nosa particular Rosalía. Así, mentras a autora nos falaba da súa obra, das súas inquedanzas e da súa vida, asistimos ao recitado dalgúns dos seus poemas. Velaquí vos deixamos a viaxe no tempo que fixo Lino, un dos reporteiros de Telediver, para levar a cabo entrevista:




Para rematar, proxectamos o vídeo que vos mostramos a continuación no que, verso a verso, frase a frase, palabra a palabra, recitamos  "A Xustiza pola man".


Por suposto, nos próximos días agardamos poder mostrarvos en imaxes todo o que esta mañá vivimos.

21 feb. 2014

Día da Lingua Materna 2014

Hoxe 21 de febreiro celébrase o Día da Lingua Materna, proclamado pola Unesco e que se celebra desde o ano 2000. Para dar a coñecer entre a comunidade educativa en que consiste esta celebración elaboramos, en colaboración co IES Pintor Colmeiro de Silleda, este tríptico informativo.

19 feb. 2014

Telediver: Conversas con Suso Vaamonde

Como o prometido é débeda, velaquí tedes a entrevista que os profesionais de Telediver lle fixeron a Suso Vaamonde, Director da Escola de Instrumentos Populares de Cuntis.


18 feb. 2014

Coñecendo os Instrumentos Populares Galegos

Esta mañá os mozos e mozas de 2º e 3º ESO tiveron a oportunidade de coñecer de preto o son e "as tripas" de moitos dos instrumentos da nosa música tradicional. Unha sesión do máis agradable e amena da man de Suso Vaamonde, director e profesor da Escola de Instrumentos Populares Galegos de Cuntis, que lles amosou á rapazada, non só "clásicos" da nosa música como a zanfona, a gaita ou a pandeireta, senón ademais outros instrumentos máis descoñecidos como as tarrañolas, as castañetas, a requinta ou o asubío, entre outros.
Velaquí vos deixamos as imaxes da visita, prometendo ensinarvos mañá a entrevista que os mozos e mozas de Telediver lle fixeron ao rematar.


14 feb. 2014

Moitoeu!

Campaña en prol da defensa da nosa lingua desenvolvida polo EDLG do CPI de Mondariz. Parabéns!