28 may. 2013

Telediver no Correlingua 2013

Cuns cantos días de retraso chega a reportaxe que gravaron os profesionais de Telediver no Correlingua 2013 que tivo lugar polas rúas de Silleda o pasado 8 de maio.
Sentimos non ter podido ofrecérvolo antes...


27 may. 2013

Visita a Lugo

O pasado martes 21 de maio o alumnado de 1º e 2º ESO visitou o Museo Provincial de Lugo (ademais doutros lugares de interese dentro da cidade lucense como a visita obrigada á Muralla) para desenvolver unha actividade didáctica que xira en torno ao libro Contos do Museo. Dita obra consta de catro relatos (escritos por Xabier P. Docampo, Paco Martín, Xosé Miranda e Agustín Fdez. Paz) que se ambientan nas distintas salas do Museo e serve de fío condutor da actividade.

Velaquí vos deixamos unhas imaxes do que alí pasou e que tan bo sabor de boca deixou entre a rapazada do Chano Piñeiro.

23 may. 2013

2º Concurso de Fotografía Matemática

Seguindo cos concursos, presentamos hoxe o 2º Concurso de Fotografía Matemática do IES Chano Piñeiro. Organizado polo Dpto. de Matemáticas, o concurso baséase na realización de fotografías que reflictan, dun xeito ou outro, algún tipo de concepto matemático. Dita imaxe deberá ir acompañada por un título EN GALEGO que nos permita interpretar (ou reinterpretar) mellor a imaxe.  Aquí podedes ver as bases.

O prazo de entrega tanto das fotografías como das esopías (ver), remata o vindeiro 7 de Xuño.
Animádevos a participar!!

22 may. 2013

1º Concurso de Esopías

En colaboración cos Departamentos de Lingua Galega, Lingua Castelá e Matemáticas convócase o 1º Concurso de Esopías do IES Chano Piñeiro.

Pero, que vén sendo iso exactamente? Pois unha esopía é un relato, comentario ou poema cun máximo de 140 caracteres onde cada palabra leva un número de letras igual ás sucesivas do número p. O nome débese a unha permutación das letras de poesía e á conxugación entre o nome do fabulista grego Esopo e o propio número p.
Aquí debaixo vos deixamos a guía por se queredes ir practicando. Para consultar as bases, tan só terás que premer aquí.

Ah! E se queredes deixarnos algunha nun comentario (iso si, fóra de concurso) non vos cortedes!!

20 may. 2013

Music-Galeguízate: Mercedes Peón

Uxía Gamallo, alumna de 1º de Bacharelato, achéganos este traballo sobre unha das artistas máis polifacéticas do país: Mercedes Peón.


E velaquí unha mostra do seu talento:

17 may. 2013

Letras 2013: Roberto Vidal Bolaño (III)


No Día das Letras Galegas que este ano, como ben sabedes, se decida a Roberto Vidal Bolaño, queremos achegarvos algún dos múltiples materiais que circulan pola rede en homexaxe ao dramaturgo compostelán. Parte destes materiais xa puidéstedes disfrutalos onte na proxección pública que tivo lugar na Aula de alumnos, pero nunca está de máis botarlle outra ollada.

Para comezar e, ao mesmo tempo, saber máis do autor homenaxeado deixamos esta presentación realizada polo ENDL do IES Felix Muriel de Rianxo...



...e esta liña temporal do IES San Paio de Tui.


Lembrades o marabilloso telexornal realizado polo alumnado do CPI dos Dices de Rois? Neste segundo capítulo, podedes ver un documental sobre a obra de Roberto Vidal Bolaño.

14 may. 2013

Letras 2013: Roberto Vidal Bolaño (II)

Achegamos hoxe a este pequeno recuncho cibernético este traballo realizado por Paco Nogueiras Nodar no que se rinde homenaxe a RVB. Disfrutádeo!

13 may. 2013

Letras 2013: Roberto Vidal Bolaño (I)


Roberto Vidal Bolaño (Santiago de Compostela, 1950–2002) é unha figura imprescindible para comprender a dimensión do Teatro Galego e, xa que logo, do noso sistema literario. Desde aqueles inicios nos anos setenta, coa mítica Xeración Abrente, ata o ano mesmo da súa morte, a produción literaria de Vidal Bolaño é constante e sempre orientada a armar un edificio teatral galego perdurable. Só uns meses antes do seu pasamento, no número 50 da revista A Trabe de Ouro publicouse o texto do seu monólogo Sen ir máis lonxe, que Méndez Ferrín cualificou como o seu testamento dramático.
É indiscutible a importancia da figura de RVB para o teatro nacional galego. Aínda que morreu novo, Vidal Bolaño é, sen dúbida, o dramaturgo máis prolixo da historia da nosa literatura; mais non é só a cantidade da súa obra a razón da súa importancia, senón as múltiples calidades que os seus textos achegan durante toda a súa actividade. 
A produción de Roberto Vidal Bolaño caracterízase por un irrevogable compromiso coa lingua galega, pois estamos ante un autor radicalmente monolingüe, que contribuíu á definitiva instalación do teatro galego na nosa lingua. Ademais, hai na súa obra un inequívoco compromiso estético. Todos os estudosos coinciden en salientar a súa constante preocupación pola experimentación, por dialogar coa tradición culta e popular, literaria e histórica, social e política. RVB non é só un autor imprescindible para o noso sistema literario, senón que é considerado un dos dramaturgos europeos máis importantes do último cuarto do século XX.  

Ligazóns de Interese para saber máis sobre o autor homenaxeado:




10 may. 2013

Correlingua 2013

O pasado mércores día 8 a rapazada da ESO do IES Chano Piñeiro desprazouse a Silleda para participar no Correlingua; a cita anual na que os nenos e mozos do país reivindican a nosa lingua. Foi unha xornada un tanto desdibuxada polo aspecto meteorolóxico xa que obrigou á organización a trasladar o acto ao Recinto Feiral da Semana Verde co conseguinte problema de acústica que fixo que, por momentos, gran parte dos asistentes nos puidesen enterarse do que ocorría no escenario.

Porén, todas estas dificultades non impediron que puidésemos facer o percorrido a pé entre música, gaiteiros e troula. Velaquí vos deixamos as imaxes do noso paso pola festa!


E proximamente... a reportaxe d@s profesionais de Telediver!!