21 dic. 2012

Antes do Nadal...Tsunami Mental!

Hoxe, xusto antes de despedirnos ata o vindeiro ano, recibimos a visita dun persoeiro de renome internacional, un xenio, un portento da natureza, un ser de intelixencia sobrenatural... o gran Mentalini!!

Un espectáculo de mentalismo, maxia e humor que fixo máis doces os amargores polas malas notas ademais de permitirnos despedir o ano, que non o curso, cun sorriso nos beizos. Un auténtico Tsunami Mental.

Ah! Que xa o esquecía! Non queremos concluír este artigo sen darlle os parabéns ao grupo de alumn@s e ex-alumn@s que nos deleitaron cunha sesión de bailes de salón. Que xeito de mover o esquelete!!

Aquí mesmo podedes ver unha pequena reportaxe fotográfica...que vos cunda!




13 dic. 2012

#recitandocelsoemilio...no IES Chano Piñeiro

Como xa anunciamos hai uns días, onte unímonos á homenaxe pública de carácter colectivo que se lle fixo ao escritor celanovés Celso Emilio Ferreiro. Se ben o motivo principal do acto era a lectura do poema Deitado frente ao mar, nós quixemos ir máis aló e improvisamos un programa de TV "en rigoroso directo" (por suposto, dirixido e presentado polos profesionais de Telediver) que foi a plataforma perfecta para achegarlle aos alumnos-telespectadores a figura de Celso Emilio. Así, dentro dese programa ofreceuse unha reseña á biografía do autor, mostrouse parte da súa obra así como o recitado dalgúns dos seus poemas por parte dun grupo de alumn@s. Por suposto, a emisión rematou dando paso ao recitado do poema cando eran exactamente as 12 do mediodía.

En definitiva, un emotivo acto que podedes ver e revivir no seguinte vídeo:


Por último, desde o ENDL do IES Chano Piñeiro queremos darlle as grazas ao alumnado e profesorado que colaborou na actividade.

10 dic. 2012

Carlos Negro presenta...Makinaria

Rescatamos hoxe esta gravación que, por unhas cousas ou por outras, se perdera nalgún recuncho do meu ordenador. Trátase da reunión que, alá polo mes de abril, tivo o escritor Carlos Negro  co alumnado de 2º ESO e na que lles falou de Makinaria, libro que fala da velocidade nas estradas, da morte dos mozos e mozas pola súa inconsciencia.


E, xa de paso, rescatamos a entrevista que nese mesmo día lle fixeran os profesionais de Telediver, a televisión do Chano Piñeiro.




5 dic. 2012

Ollos de aula nº 3

Recén saída do forno!!  Chegou o número 3 da revista Ollos de Aula!!
Búscaa no noso taboleiro ou, se o prefires, bótalle un ollo aquí relaxadamente...

4 dic. 2012

#recitandocelsoemilio

Co gallo do centenario do nacemento do Celso Emilio Ferreiro, desde a CGENDL lanzaron hai uns días a proposta de renderlle unha homenaxe pública cunha acción de carácter colectivo. Dito acto consistirá no recitado público do poema Deitado frente ao mar e terá lugar o vindeiro mércores 12 de decembro de 2012 ás 12 do mediodía. Como non podía ser menos, o noso centro apoiará esta iniciativa e xa andamos a preparar algunha cousiña. Xa vos iredes enterando nos vindeiros días...

Como anticipo e estímulo, aquí vos deixo este extraordinario traballo realizado no proxecto Audiovisual As Barxas do instituto moañés do mesmo nome. Parabéns por esta marabillosa creación!