21 dic. 2012

Antes do Nadal...Tsunami Mental!

Hoxe, xusto antes de despedirnos ata o vindeiro ano, recibimos a visita dun persoeiro de renome internacional, un xenio, un portento da natureza, un ser de intelixencia sobrenatural... o gran Mentalini!!

Un espectáculo de mentalismo, maxia e humor que fixo máis doces os amargores polas malas notas ademais de permitirnos despedir o ano, que non o curso, cun sorriso nos beizos. Un auténtico Tsunami Mental.

Ah! Que xa o esquecía! Non queremos concluír este artigo sen darlle os parabéns ao grupo de alumn@s e ex-alumn@s que nos deleitaron cunha sesión de bailes de salón. Que xeito de mover o esquelete!!

Aquí mesmo podedes ver unha pequena reportaxe fotográfica...que vos cunda!




13 dic. 2012

#recitandocelsoemilio...no IES Chano Piñeiro

Como xa anunciamos hai uns días, onte unímonos á homenaxe pública de carácter colectivo que se lle fixo ao escritor celanovés Celso Emilio Ferreiro. Se ben o motivo principal do acto era a lectura do poema Deitado frente ao mar, nós quixemos ir máis aló e improvisamos un programa de TV "en rigoroso directo" (por suposto, dirixido e presentado polos profesionais de Telediver) que foi a plataforma perfecta para achegarlle aos alumnos-telespectadores a figura de Celso Emilio. Así, dentro dese programa ofreceuse unha reseña á biografía do autor, mostrouse parte da súa obra así como o recitado dalgúns dos seus poemas por parte dun grupo de alumn@s. Por suposto, a emisión rematou dando paso ao recitado do poema cando eran exactamente as 12 do mediodía.

En definitiva, un emotivo acto que podedes ver e revivir no seguinte vídeo:


Por último, desde o ENDL do IES Chano Piñeiro queremos darlle as grazas ao alumnado e profesorado que colaborou na actividade.

10 dic. 2012

Carlos Negro presenta...Makinaria

Rescatamos hoxe esta gravación que, por unhas cousas ou por outras, se perdera nalgún recuncho do meu ordenador. Trátase da reunión que, alá polo mes de abril, tivo o escritor Carlos Negro  co alumnado de 2º ESO e na que lles falou de Makinaria, libro que fala da velocidade nas estradas, da morte dos mozos e mozas pola súa inconsciencia.


E, xa de paso, rescatamos a entrevista que nese mesmo día lle fixeran os profesionais de Telediver, a televisión do Chano Piñeiro.




5 dic. 2012

Ollos de aula nº 3

Recén saída do forno!!  Chegou o número 3 da revista Ollos de Aula!!
Búscaa no noso taboleiro ou, se o prefires, bótalle un ollo aquí relaxadamente...

4 dic. 2012

#recitandocelsoemilio

Co gallo do centenario do nacemento do Celso Emilio Ferreiro, desde a CGENDL lanzaron hai uns días a proposta de renderlle unha homenaxe pública cunha acción de carácter colectivo. Dito acto consistirá no recitado público do poema Deitado frente ao mar e terá lugar o vindeiro mércores 12 de decembro de 2012 ás 12 do mediodía. Como non podía ser menos, o noso centro apoiará esta iniciativa e xa andamos a preparar algunha cousiña. Xa vos iredes enterando nos vindeiros días...

Como anticipo e estímulo, aquí vos deixo este extraordinario traballo realizado no proxecto Audiovisual As Barxas do instituto moañés do mesmo nome. Parabéns por esta marabillosa creación!



25 nov. 2012

25 N: Non á violencia contra as mulleres

Un ano máis, desde Trafegando Ronseis, chega o seu pequeno gran de area para lograr que nunca máis se teña que conmemorar este día.



Grazas especialmente a Susana, Andrea, Stefi, Katia e Dani de 4º Diver e a Zeus, Santi e Alex de 2º de Bacharelato, por colaborar na gravación deste vídeo e deixar a súa pegada nel.

22 nov. 2012

Portobello, porque me peta!

Curiosa e marabillosa iniciativa da Área de Galego do Instituto Cañada Blanch de Londres para render homenaxe ao poeta de Celanova Celso Emilio Ferreiro co gallo da celebración dos 100 anos do seu nacemento. Tras traballar na aula o poema "Deitado fronte ao mar", saíron á rúa (ao mercado de Portobello) e, trípticos en man, conseguiron que varios ingleses leran o poema tanto en galego coma en inglés.  Paga a pena botarlle un ollo á curtametraxe. 
Parabéns a Xaime a aos seus rapaces e rapazas polo seu traballo!


Vía: Fala Londres

19 nov. 2012

Chascarraschás!

Un amigo envioume este vídeo ao meu teléfono móbil hai uns días vía Whatsapp. Entre que non estou moi posto nesta aplicación e, sinceramente, pensei que era un destes virus cibernéticos que pululan pola rede, ignorei o asunto. Hoxe a mediodía o meu pequeno de 4 anos colleume o teléfono (case o manexa mellor ca min) e, involuntariamente (?), descargou o arquivo. Cal foi a miña sorpresa ao descubrir do que se trataba. Un vídeo do que, sen dúbida, foi un dos grandes normalizadores que habitou na TVG e que fixo as delicias de moitos rapaces e rapazas empregando a nosa lingua. (Sería esa a razón da súa desaparición das pantallas?
Ben seguro que vos sacará un sorriso...



Investigando, investigando.. descubrín que a orixe do vídeo está no CEIP Sequelo de Marín alá por novembro do ano pasado. Parabéns para eles!

15 nov. 2012

Visita aos Museos das Ciencias

O pasado martes 13 - seino pero non lle tememos á mala sorte, somos asi de ousados - o alumnado de 1º e 2º da Bacharelato e o alumnado de 4º ESO da rama de Ciencias tiveron unha cita nos museos dedicados á ciencia da Coruña. Foi un día de idas e voltas case contrarreloxo no que visitamos o Domus, o MUNCYT (Museo Nacional da Ciencia e a Tecnoloxía) e a Casa das Ciencias completando un ciclo científico do máis interesante. O cine 3D, o planetario, adentrarnos no Boing 747, a ciencia interactiva, a exposición de máquinas de escribir e de calculadoras (algunha incluso idéntica ás da nosa humilde exposición), o péndulo de Foucault, a parolada con Pepe Xan e Marilú... difícil escoller unha actividade entre todo o vivido nesas 12 horas. Un gran final para estes días dedicados á Ciencia e á Tecnoloxía.


13 nov. 2012

III Día da Ciencia en galego (e 3)

Hoxe fai exactamente unha semana da data na que todo o alumnado do IES Chano Piñeiro participou no Día da Ciencia e da Tecnoloxía en galego coa súa presenza nos diferentes obradoiros e actividades preparadas para a ocasión. O seguinte vídeo é un breve resumo de todo o que puidemos ver (e aprender) nese día:


Desde aquí, só nos queda agradecerlle a tod@s os monitores e a todos os Departamentos participantes a súa colaboración e implicación!

11 nov. 2012

Visita á TVG

O pasado xoves día 9, o departamento de música organizou unha saída ás instalacións Televisión de Galicia que, como ben sabedes, é a única canle de televisión cuxa programación emítese integramente (ou case...) en galego. Realmente, é un pequeno oasis dentro dos medios de comunicación en galego, tras a desaparición dos quioscos do Xornal de Galicia (último medio da prensa escrita feito en galego) ou o peche das versións dixitais do propio Xornal, A Nosa Terra ou Vieiros.

Por fortuna, grazas a aparición dos diarios dixitais Praza Pública ou Sermos Galiza a principios de ano e o mantemento do "veterano" Galicia Hoxe  podemos seguir disfrutando de prensa dixital de galego, a pesar de todas as trabas e dificultades...

Precisamente polo feito de visitar un dos poucos medios de comunicación onde a nosa lingua é preponderante, pedimoslle a Isa, profe de Música do instituto, que nos fixera un breve resumo do que foi a visita:

"O xoves 8 de novembro o alumnado do IES Chano Piñeiro -3º de ESO ao completo e os alumnos e alumnas de música de 4º de ESO e 1º de BAC- desprazámonos a San Marcos en Santiago para visitar as instalacións da CRTVG. O motivo? Poder observar a realidade dunha televisión en directo e relacionala cos aspectos teóricos e técnicos que aprendemos na materia de música en 4º de ESO relacionados coa música e medios de comunicación.

Elena, relacións públicas da TVG fíxonos un percorrido guiado polas instalacións dos tres edificios que conforman esta entidade, explicando os lugares, os servizos, os traballos e as peculiaridades de traballar nun medio de comunicación como a Televisión de Galicia: desde o decorado dos platós ata a maxia do croma e a tecnoloxía, desde as caras máis coñecidas ata os case mil traballadores que forman parte desta familia audiovisual, desde a inmediatez do directo ata a perfección da gravación.
Interesante visita que contou cun saboroso final cando Xosé Ramón Gayoso achegouse a saudarnos e a contarnos algunha experiencia sobre os 20 anos en antena do Luar, o programa máis lonxevo da TVG. Moitísimas grazas aos dous!"




Grazas Isa, pola túa colaboración!

7 nov. 2012

Calculadoras...

A principal actividade levada no centro en torno á figura de Ramón Verea, inventor homenaxeado no Día da Ciencia e da Tecnoloxía en galego, é unha pequena e modesta exposición destes aparellos de cálculo. A carón das calculadoras gráficas e científicas que todos estamos acostumados a ver, aparecen pequenas xoias; aparellos que contan con máis de medio século de historia e que están a despertar a curiosidade entre o alumnado:  unha Original Odhner dos anos 20, unha Hamman Manus de finais dos anos 30 ou dúas Olivetti de principios dos anos 60. Tod@s se preguntan como podían levar eses aparellos á escola...



Acompañando a esta exposición dispoñemos duns paneis onde, dunha maneira resumida, se explica a evolución e historia das calculadoras desde o ábaco ata as máis desenvolvidas calculadoras gráficas da actualidade.




6 nov. 2012

As "nosas" máquinas de Leonardo

Entre as actividades relacionadas co III Día da Ciencia en galego, o Departamento de Tecnoloxía encargouse de preparar as relacionadas con Leonardo da Vinci. Así, presentou as maquetas construídas no taller en anos anteriores, fancedo os arranxos precisos e acoplando as noras para auga aos proxectos das máquinas de Leonardo I e II.

Velaquí  podedes ver as maquetas en acción:



5 nov. 2012

III Dia da Ciencia en Galego (2)

Mañá, martes 6 de novembro, comezaremos coas actividades que temos preparadas co gallo da Semana da Ciencia. Igual que no curso pasado, presentaremos dous carteis conmemorativos dedicados aos dous persoeiros aos que se lle adica este ano o Día da Ciencia en galego: Leonardo da VinciRamón Verea. Precisamente, e en homenaxe ao inventor estradense da primeira calculadora que permitía facer multiplicacións, teredes a oportunidade de disfrutar dunha pequena exposición na que se analiza a historia da calculadora e poderedes ver unha mostra destes aparellos na que apreciaredes a súa evolución ao longo dos últimos 60 anos.  

Ademais, levaranse a cabo cinco obradoiros dirixidos por varios alumnos e alumnas que se prestaron voluntari@s para facer de monitores e que vos achegarán diferentes curiosidades relacionados co mundo da ciencia. Por suposto, tod@s estades convidad@s!!


Os obradoiros, organizados polo departamentos de Bioloxía, Física e Química, Tecnoloxía, Música e Matemáticas, en colaboración co ENDL serán:

  • LEONARDO E A TECNOLOXÍA (Dpto. Tecnoloxía) Presentaranse unha serie de actividades en torno á figura de Leonardo da Vinci
  • enCANTAdores (Dpto. Música) Explicarase a relación existente entre a música e a matemática
  • MICROSCOPIO. CONSTRÚE O TEU CROMOSOMA (Dpto. Bioloxía) Diversas actividades preparadas polo departamento de bioloxía nas que o microscopio será parte importante
  • MATEMAXIA (Dpto. Matemáticas) Maxia e matemáticas contrúen un universo de ilusión onde só os números teñen a resposta.
  • XOGANDO COA QUÍMICA (Dpto Física e Química) Diversos experimentos para aprender máis sobre os fenómenos que nos rodean
E remataremos a quincena coa visita ao Museos das Ciencias da Coruña na vindeira semana...
SEGUIREMOS INFORMANDO!

4 nov. 2012

Ollos de aula nº 2

Xa tedes á vosa disposición o segundo número da revista editada pola Coordinadora Galega de ENDL. Podes atopala no noso taboleiro ou, directamente, botarlle un ollo aquí:



3 nov. 2012

Tempo de Samaín

Animación en 2D realizada polo alumnado do Obradoiro de Plástica do IES As Barxas de Moaña.


2 nov. 2012

Ramón Verea, inventor

Unha das figuras á que se lle rinde homenaxe co gallo do III Día da Ciencia en galego é o inventor estradense Ramón Silvestre Verea (1833-1899) cuxa principal invención foi o da primeira calculadora que realizaba multiplicacións. Na seguinte presentación realizada por Lupe Barreiro e Vanesa Diz de 4º ESO  poderedes saber máis deste persoeiro:



Biografía completa de Ramón Verea escrita por Olimpio Arca

E desde a Marela Tarabela descúbrennos este pequeno fragmento do programa Tres14  de TVE na que se fai mención ao inventor galego.



E moi pronto descubriredes algo máis sobre as calculadoras e a súa historia...permanecede atentos!

30 oct. 2012

María Fumaça

Vén de editarse un deses pequenos carameliños docese pracenteiros para os sentidos. Un libro-CD-DVD que desde aquí queremos recomendar para as peticións dos máis pequenos nas súas cartas ao Reis Magos: "María Fumaça...cantar e bailar para ser máis feliz". Publicado por Galaxia  conta coa colaboración de artistas como Magín Blanco, Uxía, Carlos Blanco, Isaac Palacín, Tanxarina ou Sergio Tamus, que se unen para dar forma a un proxecto, segundo o seu editor, vitalista e solidario.
A publicación xira entorno a Ruí, un cativo con parálise cerebral a quen os seus amigos e familia agasallan con cancións no seu aniversario e que, a pesar das súas dificultades pode disfrutar da música, cantar e bailar; ao fin, disfrutar da vida.


E este é unha das pingas que podemos atopar. Un mercado do máis xeitoso, gozádea!

23 oct. 2012

III Día da ciencia galego


Con esta xa van tres as edicións do Día da Ciencia en Galego e, como non podía ser doutro xeito, xa estamos a preparar diversas actividades para a súa celebración durante a primeira semana de novembro. Como podedes comprobar no cartel oficial, este ano dedicáselle a Tecnoloxía e réndeselle homenaxe ás figuras de Leonardo de Vinci e Ramón Verea.
Se queredes máis información premede aquí.

Para ir entrando en calor, podedes botarlle un ollo ao vídeo onde se resumen as actividades dos curso pasado. Seguiremos informando...



9 oct. 2012

Eu falarei...

Traémosvos hoxe a esta ventá o marabilloso lipdub que gravou a comunidade escolar do IES de Chapela a finais do curso pasado. Ben seguro que foron moitas horas de traballo e sacrificio (ata fixeron casting de voces!) pero o resultado paga, e moito, a pena.



O ENDL do Chano Piñeiro ten proxectado durante este curso gravar algún vídeo de dinamización da lingua galega.
TES ALGUNHA IDEA?  Xa sabes, ponte en contacto connosco e levarémola a cabo!

4 oct. 2012

Navega en galego!

Desde o ENDL do IES Chano Piñeiro queremos apoiar a campaña Navega en Galego! na que se anima á galeguización dos navegadores web. No panel do ENDL tes toda a información e podes atopar as instrucións necesarias para configurar o idioma galego como preferido no navegador do teu ordenador.
Ten en conta que, con este sinxelo xesto:
  • Influirás para que se creen versións en galego das webs
  • Sairanche as webs multilingües no idioma do país
  • Potenciarás a busca na Galipedia
  • Baixarás os programas multilingües en galego
  • Impulsarás o emprego na terra


   

Anímaste??  

Máis información: http://navegaengalego.blogspot.com.es/

3 oct. 2012

Nace "Ollos de aula"

Parece que a volta ao instituto vén cun pan debaixo do brazo. Nace a revista Ollos de aula, editada pola Coordinadora Galega de ENDL e cuxo obxectivo é, segundo aparece na súa presentación, "achegarvos información variada ao redor da educación e convidarvos a reflexionar sobre aqueles temas que vos poden preocupar como nais e pais". Desde este recuncho só nos queda expresar os nosos parabéns por esta iniciativa.

Descarga aquí a revista ou, directamente, bótalle un ollo!




2 oct. 2012

Twitter en galego!


Pasou máis dun ano desde que botara a andar a iniciativa Twitter en galego, a través da cal os internautas galegos pelexaron pola normalización lingüistica na web, reclamando como obxectivo principal a incorporación do galego coma opción na configuración persoal da rede social Twitter. Por fin, hai uns días vén de confirmarse que a coñecida rede social abrirase a 16 novas linguas entre a que figura a nosa. Ao incorporarse estas linguas ao sistema de Twitter permítese que as comunidades de usuarios poidan traducir de xeito voluntario as cadeas de texto desta plataforma dunha forma colaborativa co obxectivo de que na nova actualización do Twitter poidamos gozar da súa interface en galego. Unha boa nova que permitirá un novo pulo á presenza da nosa lingua nas redes sociais e, de paso, na Internet.

1 oct. 2012

Un novo curso...

Ola a tod@s!

O ENDL do IES Chano Piñeiro quere darvos a benvida a este novo curso 2012/2013 agardando que teñades todas e todos un bo ano académico. Pola nosa banda, seguiremos a traballar en prol da defensa da nosa lingua.
E para comezar, traemos aquí (din que máis vale tarde ca nunca) o vídeo de animación á lectura presentado a finais do curso pasado e no que participou toda a comunidade educativa do Chano Piñeiro.
Porque cremos, ante todo, na lectura no noso idioma, na nosa lingua.