29 nov. 2010

Breogán Riveiro estivo connosco

Este pasado mércores día 24 o escritor Breogán Riveiro acompañou o alumnado de 1º de ESO, quen lera previamente o seu libro Tonecho de Rebordechao. Breogán falounos de moitas cousas, mesmo do seu nome e dos nomes que temos nas aulas. Coma sempre, simpático, aberto, ameno, fixo que esa hora pasase máis axiña que o desexado.
Grazas a Breogán e á editorial Galaxia pola compañía.


Fomos a Culturgal

Co alumnado de 3º de ESO estivemos o venres pola mañá en Culturgal: non podiamos faltar á festa da cultura galega! (E menos mal que fun ese día, porque hoxe coa neve os plans de volver trastocáronse). Aprendimos o que é a poesía visual da man de Branca Novoneyra, quen tamén recitou algúns dos seus poemas, e logo escoitamos o hip-hop de Fluzo que toleou ao alumnado alí presente. Un paseo pola feira, case en construción, axudounos a darnos unha idea de canto alí ía haber.


23 nov. 2010

Feira do álbum ilustrado

Durante o mes de novembro, en colaboración co equipo da biblioteca, celebramos unha Feira do álbum ilustrado coa finalidade de dar a coñecer este tipo de libros ao alumnado. Contamos coa colaboración do colexio, especialmente de Vanessa, a quen lle damos as grazas dende aquí.
Unha das actividades máis importantes é que o alumnado de 3º de Diver foi contarlles contos aos nenos e nenas de 3 anos. Hai que repetilo!

Elaboramos finalmente esta guía para todo aquel que precise dun consello:


16 nov. 2010

Riveiro Coello estivo connosco

Este luns día 15 de novembro estivo connosco Antón Riveiro Coello, quen tivo a xenerosidade e amabilidade de compartir connosco algunhas das horas docentes. Primeiro reuniuse co alumnado de 2º de ESO, quen previamente lera A voz do lago, e logo foi á aula de 4º de ESO para falar de A Quinta de Saler. Somos conscientes de que nos fixo un gran favor ao non dubidar en ningún momento en aceptar a nosa suxentión-invitación de vir a un centro pequeno con pouco alumnado para que este puidese coñecelo e, todo hai que dicilo, gozalo. Porque hai que engadir que o resultado foi excelente: o tempo non chegou a nada. Ademais, dous dos meus nenos de 3º de Diversificación estreáronse como presentadores... e non o fixeron nada mal!
Desde o noso recuncho, grazas, moitas grazas, Antón, pola túa xenerosidade.

5 nov. 2010

4 de novembro, día da Ciencia e Tecnoloxía en Galego












Loitando contra os efectos do Decreto, membros dos departamentos de Bioloxía e Tecnoloxía do IES. "Chano Piñeiro" co apoio do ENDL, veñen de realizar actividades dentro da convocatoria do día da Ciencia e Tecnoloxía en Galego.
O Departamento de Bioloxía preparou unha exposición de cunchas mariñas, onde se poden coñecer os seus nomes en galego.
O Departamento de Tecnoloxía participou da iniciativa promovida por Tecnoloxía.org e colaborou na recompilación de termos galegos relacionados coa Tecnoloxía dentro da actividade "Revoltallo de termos", facendo unha exposición mural con eles.
Podedes ver as fotos das actividades premendo na entrada do blog Trafegando Ronseis.

Benvida ó novo curso 2010-2011

Desde este blogue desexamos a todos un bo curso académico, a pesares de que os tempos para os ENDL non son os mellores, como tampouco se presentan para o Galego, cando desde a Consellería de Educación non apreciamos un apoio á nosa Língua.
Pola nosa banda, seguiremos programando actividades aínda que as dificultades "administrativas" son cada vez maiores.
Un saúdo.