15 abr. 2010

Mini-entrevista a Josefa, emigrante galega en París


A nosa viaxe de estudos a París deu para moito, como vos diciamos no post anterior. Para esta ocasión traémosvos en podcast unha entrevista con Josefa. Josefa é unha emigrante galega que leva máis de 30 anos en París traballando como porteira, emprego que desenvolveron a maior parte das galegas na capital de Francia. Estivemos na súa portería, na zona da Ópera, e contestou amablemente a unhas preguntas que lle fixemos.
En Ile-de-France disque hai máis de 20.000 galegas e galegos. E a maior parte non só fala en galego senón que llo transmite aos seus descendentes. Aínda han de facer bo a celebérrima frase "sempre nos quedará París". Reparade, iso si, a lóxica influencia do francés na súa lingua: o factor, o fiul, o sandic. Cantos nos recorda á protagonista de L'Hérisson
Moitas grazas Josefa pola túa acollida e por facernos sabedores de tantas cousas.



12 abr. 2010

Os Beatles, en galego

O alumnado de 4º Diver fixo esta tradución-adaptación do Yellow submarine. Para ver a tradución e subtítulos en galego xa sabedes, ide a Choose Language, opción galego.

7 abr. 2010

O Sena é testemuña do noso amor


Na semana anterior á de Pascua, un grupo de alumnas e alumnos de 4ºESO realizaron unha viaxe de estudos á capital francesa. Iredes tendo noticias aos poucos do que alá fixeron. Pois non só se dedicaron a visitar os emblemáticos monumentos senón que realizaron outras actividades que iremos publicando nestes días e moi relacionadas coa nosa lingua. Alguén sabe cantas galegas e galegos viven na rexión parisina? E tedes idea de canta xente estuda galego na Sorbona?
En fin. De momento, unhas fotos de Andrea e Claudia.

Celso Fernández Sanmartín, a arte da lingua contada

O pasado 26 de marzo tivemos ocasión, unha vez máis, de disfrutar da arte da contada con Celso Fernández Sanmartín. E xa tanto dá que sexa ante un auditorio máis amplo ou máis reducido, o efecto é sempre o mesmo: o abraio.
Agardamos que esta non sexa a última. por se alguén aínda non o coñece, aquí poñemos un vídeo dos compañeiros do IES de Breamo.