29 nov 2010

Breogán Riveiro estivo connosco

Este pasado mércores día 24 o escritor Breogán Riveiro acompañou o alumnado de 1º de ESO, quen lera previamente o seu libro Tonecho de Rebordechao. Breogán falounos de moitas cousas, mesmo do seu nome e dos nomes que temos nas aulas. Coma sempre, simpático, aberto, ameno, fixo que esa hora pasase máis axiña que o desexado.
Grazas a Breogán e á editorial Galaxia pola compañía.


Fomos a Culturgal

Co alumnado de 3º de ESO estivemos o venres pola mañá en Culturgal: non podiamos faltar á festa da cultura galega! (E menos mal que fun ese día, porque hoxe coa neve os plans de volver trastocáronse). Aprendimos o que é a poesía visual da man de Branca Novoneyra, quen tamén recitou algúns dos seus poemas, e logo escoitamos o hip-hop de Fluzo que toleou ao alumnado alí presente. Un paseo pola feira, case en construción, axudounos a darnos unha idea de canto alí ía haber.


23 nov 2010

Feira do álbum ilustrado

Durante o mes de novembro, en colaboración co equipo da biblioteca, celebramos unha Feira do álbum ilustrado coa finalidade de dar a coñecer este tipo de libros ao alumnado. Contamos coa colaboración do colexio, especialmente de Vanessa, a quen lle damos as grazas dende aquí.
Unha das actividades máis importantes é que o alumnado de 3º de Diver foi contarlles contos aos nenos e nenas de 3 anos. Hai que repetilo!

Elaboramos finalmente esta guía para todo aquel que precise dun consello:


16 nov 2010

Riveiro Coello estivo connosco

Este luns día 15 de novembro estivo connosco Antón Riveiro Coello, quen tivo a xenerosidade e amabilidade de compartir connosco algunhas das horas docentes. Primeiro reuniuse co alumnado de 2º de ESO, quen previamente lera A voz do lago, e logo foi á aula de 4º de ESO para falar de A Quinta de Saler. Somos conscientes de que nos fixo un gran favor ao non dubidar en ningún momento en aceptar a nosa suxentión-invitación de vir a un centro pequeno con pouco alumnado para que este puidese coñecelo e, todo hai que dicilo, gozalo. Porque hai que engadir que o resultado foi excelente: o tempo non chegou a nada. Ademais, dous dos meus nenos de 3º de Diversificación estreáronse como presentadores... e non o fixeron nada mal!
Desde o noso recuncho, grazas, moitas grazas, Antón, pola túa xenerosidade.

5 nov 2010

4 de novembro, día da Ciencia e Tecnoloxía en Galego












Loitando contra os efectos do Decreto, membros dos departamentos de Bioloxía e Tecnoloxía do IES. "Chano Piñeiro" co apoio do ENDL, veñen de realizar actividades dentro da convocatoria do día da Ciencia e Tecnoloxía en Galego.
O Departamento de Bioloxía preparou unha exposición de cunchas mariñas, onde se poden coñecer os seus nomes en galego.
O Departamento de Tecnoloxía participou da iniciativa promovida por Tecnoloxía.org e colaborou na recompilación de termos galegos relacionados coa Tecnoloxía dentro da actividade "Revoltallo de termos", facendo unha exposición mural con eles.
Podedes ver as fotos das actividades premendo na entrada do blog Trafegando Ronseis.

Benvida ó novo curso 2010-2011

Desde este blogue desexamos a todos un bo curso académico, a pesares de que os tempos para os ENDL non son os mellores, como tampouco se presentan para o Galego, cando desde a Consellería de Educación non apreciamos un apoio á nosa Língua.
Pola nosa banda, seguiremos programando actividades aínda que as dificultades "administrativas" son cada vez maiores.
Un saúdo.

2 oct 2010

Premio

A finais de maio presentamos o Proxecto 7+1 integrado polos blogues setemaisun e linguademontes aos V Premios da Fundación Impuls. Estes dous blogues estaban xestionados e realizados basicamente polo alumnado de PDC. En xullo, recibimos a noticia de que foran merecedores do II Premio Talita-Impuls, como boa experiencia docente de integración das TIC na aula para alumnos con Necesidades Educativas Especiais.
Daquela queremos deixar constancia do noso agradecemento a quen así o estimou. Para nós foi tamén un gran impulso e a confirmación de que traballabamos nunha liña que tamén outros pensaban axeitada.
E como coordinador, tan só compartilo con elas e con eles: con Alba, Dani B., Dani S., David, Guille, Iria, Iván, Jónatan, Lucía Leticia, Lucía, Marius, Ramón, Raquel e Santi. Grazas por aprendermos xuntos e por tantos sorrisos neste tres últimos anos. E tamén a Marta (compañeira do ámbito científico) e Adriana (orientadora), por compartir as mesmas ideas.
Así mesmo, gustaríame recoñecer o traballo de moitas blogueiras e blogueiros en lingua galega agrupados en normalizagaliza. Non poucas veces nos deron ideas para mellorar o noso traballo.
E por último sinalar que, aínda que circunstancias laborais me afastan temporalmente deste proxecto, estou seguro de que vai seguir incluso con máis forza e con novas ideas.

24 jun 2010

Sendeirismo ata o Observatorio de Forcarei



Aproveitando que era último día de curso e que estiveramos traballando todo o ano na Hora de ler ao redor do tema da astronomía, os de 1 e 2º ESO fomos no coche de San fernando ata o observatorio. Aquí tedes algunha imaxe do camiño dende o Chano Piñeiro. Paga a pena. Por certo, aproveitamos para invitarvos a coñecelo pois está moi ben. E tamén, felicitamos aos gañadores do concurso de Ideas Emprendedoras para a nosa comarca: M. Espigares e D. Rey.



Chove para que eu soñe: unha performance

Onte para rematar o curso visitounos Serafín Marcos Fernández. E trouxo ao noso IES uha proposta distinta pois tratábase dun espectáculo moi divertido e de gran plasticidade elaborado con versos de Uxío Novoneyra. Con eles intentaba amais tecer un percorrido biográfico ao redor do autor courelao. Deixámosvos unhas fotos.


El Puto Coke: Gal-EGO



O pasado luns 21 de xuño tivemos a oportunidade de escoitar no Instituto a un dos rapeiros con maior tradición nisto do hip-hop que hai en Galicia: El Puto Coke. Despois de moitos anos e varios discos, agora atrávese con temas en galego co cal dende este ENDL queremos darlle os nosos parabéns e que siga. Ademais de rapear tamén nos falou da historia do rap e de como nas orixes tiña unha filosofía reivindicativa que cada vez se vai perdendo máis en favor de certa superficialidade.
Mirade este vídeo. Orgullosos de sermos galegos.

20 may 2010

Somos unhas /uns artistas




Aquí vos deixamos os finalistas do concurso de banda deseñada que argallamos entre o ENDL e o departamento de plástica. Cal vos gusta máis? Opinade.

19 may 2010

O departamento de Plástica súmase á homenaxe a Novoneyra

O departamento de Plástica decidiu sumarse ás homenaxes á Novoneyra e traballaron por grupos na ilustración dun poema do autor lugués.
Velaquí o escollido polos de 2º da ESO:

Os de 3º da ESO elixiron estoutro:


E os de 4º ESO:
- -

Jaureguizar, entre nós

O pasado venres 14 de maio visitounos unha vez máis o escritor Santiago Jaureguízar. Xa estivera no noso centro hai dous anos pois daquela leramos a súa novela Salitre. Desta estivemos os de 2º ESO durante unha hora falando con el sobre o libro que lemos este ano, O contador de estrelas. Un primeiro amor entre Antía e un rapaz albanés, un pai desaparecido que aparece, referencias a Luna Nueva, a extraterretres,... Moitos ingredientes para que o pasedes ben este verán léndoa. Nós recomendámosvola.
Déixamovos agora unha pequeniña presentación cun par de fotos que tiramos neste acto. E en breve, poñeremos un enlace coa entrevista que lle fixemos.

13 may 2010

Xurxo Mariño, no IES Chano Piñeiro

Hoxe tivemos a sorte de contar con Xurxo Mariño no noso centro. Neurocientífico da Facultade de Ciencias da Saúde de A Coruña, é un dos grandes divulgadores deste tipo de ciencia no noso país. Neste sentido é ben interesante o proxecto do Discurshow que leva a cabo para a divulgación rigorosa e divertida da ciencia co actor Vicente de Souza.
Para esta ocasión, Xurxo Mariño ofreulle ao alumnado de 4º ESO e 1º Bach a conferencia titulada Neuronas, mente e realidade virtual. Falounos da estrutura do sistema nervioso central, da percepción, da relación entre o eu e a mente e, en xeral, do funcionamento do noso cerebro. E todo dun xeito moi ameno e interesante. Agardamos que non tarde moito en volver polo noso centro.



7 may 2010

Correlingua: a nosa homenaxe a Novoneyra


Onte 6 de maio participamos na festa do Correlingua que se celebraba en A Estrada. Para esta ocasión, o alumnado escolleu palabras que conformaban versos de Novoneyra e que levaban ás costas. Como a lingua. Os versos que escolleron foron os seguintes. Haberá que pensar por que:



  • Un pobo nace sempre
  • Galicia do silencio, calada á forza
  • Galicia, será a miña xeración quen te salve
  • Neva para atenuar o mundo
  • A forza do noso amor non pode ser inútil
Deixámovos cunha presentación desta festa na que cantamos, choutamos, berramos, bailamos, en fin, queo pasamos moi ben. Antes podedes poñerlle unha banda sonora, por exemplo, este tema de Mercedes Peón, moi ao caso:


II Concurso de elaboración de Proxectos emprendedores


Despois do éxito do pasado ano, o ENDL do IES Chano Piñeiro xunto co Departamento de Ciencias Sociais e a Agrupación de Comerciantes de Forcarei convoca o concurso de elaboración de proxectos emprendores que favorezan o desenvolvemento da zona de Terra de Montes e contribúan á fixación da poboación. As demais condición, tédelas nesta foto.

De momento vai dirixido só ao alumnado do Chano Piñeiro pero posiblemente para o ano intentaremos que poida participar un maior número de centros. E, coma sempre, se queredes colaborar nun futro ou facernos suxestións estariamos encantados de recibilas. E xa sabedes como facelo.

Roteiro A praia dos afogados

O pasado 14 de abril o alumnado de primeiro de Bacharelato -despois de ler os dous libros do detective Leo Caldas- tivemos a sorte de percorrer co seu autor, Domingo Villar, o escenario de A praia dos afogados, durante unha fermosa mañá primaveral. Ademais o director do centro de estudos do Val Miñor agasallounos cunha lección magnífica e multidisciplinar sobre este marabilloso recanto do sur de Galicia. Serían estes os cons nos que afundiran a barca?
Agardamos que o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística siga argallando este tipo de saídas. E este ano, aínda tivemos sorte pois xa imos coa segunda, despois do roteiro de Castelao no mes de xaneiro.

15 abr 2010

Mini-entrevista a Josefa, emigrante galega en París


A nosa viaxe de estudos a París deu para moito, como vos diciamos no post anterior. Para esta ocasión traémosvos en podcast unha entrevista con Josefa. Josefa é unha emigrante galega que leva máis de 30 anos en París traballando como porteira, emprego que desenvolveron a maior parte das galegas na capital de Francia. Estivemos na súa portería, na zona da Ópera, e contestou amablemente a unhas preguntas que lle fixemos.
En Ile-de-France disque hai máis de 20.000 galegas e galegos. E a maior parte non só fala en galego senón que llo transmite aos seus descendentes. Aínda han de facer bo a celebérrima frase "sempre nos quedará París". Reparade, iso si, a lóxica influencia do francés na súa lingua: o factor, o fiul, o sandic. Cantos nos recorda á protagonista de L'Hérisson
Moitas grazas Josefa pola túa acollida e por facernos sabedores de tantas cousas.



12 abr 2010

Os Beatles, en galego

O alumnado de 4º Diver fixo esta tradución-adaptación do Yellow submarine. Para ver a tradución e subtítulos en galego xa sabedes, ide a Choose Language, opción galego.

7 abr 2010

O Sena é testemuña do noso amor


Na semana anterior á de Pascua, un grupo de alumnas e alumnos de 4ºESO realizaron unha viaxe de estudos á capital francesa. Iredes tendo noticias aos poucos do que alá fixeron. Pois non só se dedicaron a visitar os emblemáticos monumentos senón que realizaron outras actividades que iremos publicando nestes días e moi relacionadas coa nosa lingua. Alguén sabe cantas galegas e galegos viven na rexión parisina? E tedes idea de canta xente estuda galego na Sorbona?
En fin. De momento, unhas fotos de Andrea e Claudia.

Celso Fernández Sanmartín, a arte da lingua contada

O pasado 26 de marzo tivemos ocasión, unha vez máis, de disfrutar da arte da contada con Celso Fernández Sanmartín. E xa tanto dá que sexa ante un auditorio máis amplo ou máis reducido, o efecto é sempre o mesmo: o abraio.
Agardamos que esta non sexa a última. por se alguén aínda non o coñece, aquí poñemos un vídeo dos compañeiros do IES de Breamo.

24 feb 2010

O profesor Yamamoto, de novo en Forcarei


Hai varios anos o profesor Yamamoto, da universidade de Tenri visitounos por primeira vez. Dende entón, cada vez que vén por Galicia non deixa de agasallarnos coa súa visita. Nesta ocasión, presentoulle ao alumnado cun galego cada vez máis fluído algúns aspectos da cultura e civilización nipona, entre eles, o seu sistema gráfico.
E reservou para o final unha sorpresa que non vou desvelar pois sei que aínda vai facer algunha visita máis a outros centros.
Cando un escoita falar galego a xente de culturas tan distantes, un non deixa de preguntarse, por que aínda hai aquí xente que se nega a facelo.
Outras referencias aquí e pódelo escoitar nesta emisión de radio


11 feb 2010

As posibilidades de Goanimate: primeiros exemplos

Aquí deixamos as primeiras mostras realizadas con Goanimate por parte de Paula e Óscar, alumnos do IES Chano Piñeiro. Agardamos que realicen máis e mellores.

GoAnimate.com: proba 2 by setemaisun


Like it? Create your own at GoAnimate.com. It's free and fun!

GoAnimate.com: Pelexa by setemaisun


Like it? Create your own at GoAnimate.com. It's free and fun!

8 feb 2010

E así son as cousas

Polo mar corren as lebres, polo monte as sardiñas

Xa non chove como chovía

  • A seguinte presentación do actual SXPL é de hai uns tres anos:


  • O seguinte artigo foi publicado en maio do 2008 en A Nosa Terra polo actual SXPL. Paga a pena botarlle unha ollada.

Contra as cordas

Na recente Xornada de Formación dos Premios á Innovación en Normalización Lingüística (serán as últimas) o actual SXPL viuse contra as cordas ante os argumentos das compañeiras e compañeiros. Parabéns polo premio. Parabéns pola contundencia dos vosos argumentos. Saúde e lingua.

as aulas e o despacho from SonCine on Vimeo.